Tuesday, February 06, 2024
Crónicas – Puntadas sen fío - Campaña electoral por Siro Lopez (In Voz de Galicia)
En todas as eleccións lembro a míster Pickwick, o divertido personaxe creado por Charles Dickens, que narrou a súa experiencia na visita a unha cidade en campaña electoral con candidatos rabiosamente enfrontados coma os nosos nas autonómicas do día 18. Eu son tan paspán como míster Pickwick e coma el entusiásmome co espectáculo das pegadas de carteis, das megafonías dos coches que alternan a música abouxadora e o anuncio dos mitins; co ir e vir das militancias repartindo panfletos, co seguimento dos medios de comunicación… O ambiente electoral é para min o das festas da miña infancia e fantaseo e mesturo as voces dos candidatos coas dos tomboleiros. Pecho os ollos e a carón de Rueda, Pontón, Marta Lois e Besteiro vexo a Vicente «o da tómbola», con traxe gris e gravata, elegantísimo, surrindo coa boca torta para lucir o dente de ouro e animando a clientela a mercar os boletos á muller e á filla, serias e hieráticas como cariátides: —¡Siempre toca, siempre toca! ¡El boleto de la suerte! ¡Compren el boleto de la suerte! ¡Lo estamos dando todo! ¡Lo estamos regalando todo!
E pasaba ao galego:
—A polo xamón! Quen levará o xamón?
Que gran candidato sería Vicente! Que ben prometía! Ollo, que non quito mérito a ninguén! Tamén os nosos candidatos, postos a prometer, darían boísimos tomboleiros.
A Pontón, desenfreada:
—Imos ter a primeira presidenta da Xunta e o mellor Goberno da historia!
Besteiro na orixe dos problemas:
—O que importa é o talento, e nós imos crear, reter e atraer talento!
Marta Lois, toda corazón:
—Discapacidade! Axuda á discapacidade! Todos os recursos e servizos para as persoas con discapacidade!
Rueda sacando o as da manga coa puntiña dos dedos:
—Teremos 20.000 vivendas de protección oficial no 2028! Nin unha menos!
A guerra das promesas é feroz e aínda que saibamos que «prometer e non dar aos parvos fai alegrar» e que toda a campaña é un falabarato, eu creo aos candidatos como cría a Vicente «o da tómbola»:
—Ningún neno sen pediatra!
—Vellez sen listas de espera!
—Mulleres sen traballo precario!
—¡Qué alegría, qué alboroto! ¡Le ha tocado el perrito piloto!
—Intervención pública de Alcoa!
—Empaste de dentes gratuíto!
—AVE Vigo?Porto?Lisboa!
—¡A chupi jupi, a jupi jurupi; y se lleva la patineta letalereta y la muñeca chochona!
Unha gozada! Para míster Pickwick e para min a vida en campaña electoral é unha tom, tom, tómbola de luz e cor.