Monday, September 18, 2023
Crónica «Puntadas sen fio» - Suicidio e humor por Siro Lopez en Voz de Galicia (in Voz de Galicia)
Acomezos do século XIX, un psiquiatra atende un paciente tan triste e deprimido que só pensa no suicidio e, como último recurso, recoméndalle asistir ás divertidísimas actuacións do gran pallaso Joseph Grimaldi. O paciente respóndelle: «Pero doutor, se Joseph Grimaldi son eu».
A historia é apócrifa, pero
podería ser real noutro tempo e con outros protagonistas, coma o pallaso
español Marcelino, aclamado nos EE.UU. e admirado por Chaplin e Buster Keaton,
que se suicidou en 1927, aos 54 anos. Sorprende o alto número de cómicos que se
quitan a vida nos EE.UU. despois de acadar o éxito. O caso de Robin Williams,
en 2014, con 63 anos, é o máis coñecido. Tamén del se dixo que fora vítima das
drogas, pero non é certo. Robin non quixo vivir cunha enfermidade dexenerativa
que lle afectaba o corpo e a mente, e que ninguén soubera diagnosticar. Non
puido aturar o sufrimento físico e moral, a desesperanza e a impotencia; e
cando sentiu que a vida non era vivible, dimitiu. En España, outros cómicos
recorreron ao suicidio. O do pallaso Tonetti en 1982, con 54 anos; e o de
Verónica Forqué, en 2021, con 66, están entre os recentes.
Estudosos da alma humana din que
cómicos e humoristas en xeral teñen unha sensibilidade tal que o
sufrimento propio e alleo os leva á depresión. Non o creo, pero, en calquera
caso, coido que cando a vida semella máis horrenda que a morte, fóra dos
condicionamentos relixiosos, tanto ten ser cómico ou humorista como filósofo ou
caixeira de supermercado. Uns eliximos a pasividade resignada e outros a acción
que pon fin á angustia de vivir. E cada caso é único.
Nunha carta de 1912,
Antonio Machado —home de finísimo humor— confesáballe a Juan Ramón Jiménez que
cando morreu a muller pensou en pegarse un tiro. Non o fixo porque, ante o
éxito do libro Campos de Castilla, pensou que non tiña dereito a acabar
coa forza útil do seu talento. Cando Concha Velasco viu nun programa de
televisión a Paco Marsó afirmando que non a quixera nunca, baleirou o minibar e
tomou un bote de ansiolíticos. Salvouse porque cambiou de canal e estaba
Buenafuente cun monólogo, e riu tanto que largou todo o que tragara. Nin
Antonio Machado nin Concha Velasco lamentaron non terse suicidado. Son o que un
poeta arxentino chama «el suicida tímido».
Os suicidas convencidos son máis
cada día, e en 2022 España rexistrou o maior número de suicidios da historia:
4.097, un 2,3 % máis que no ano anterior; e o dos menores de 15 anos
triplicouse desde 2019.
Son datos da recente celebración
do Día Mundial da Prevención do Suicidio. Facer humor sobre o suicidio alleo é
posible, pero non para quen viviu o dun ser querido. Eu, que vivín varios, nin
o intento.