Tuesday, February 19, 2019
Castelao, o humor galego en Europa Conferencia de Siro Lopez dia 20 - Cidade da Cultura de Galicia
Castelao é o humorista total: humorista literario e
humorista gráfico. Non se trata dunha figura importante no ámbito galego, senón
dun dos grandes creadores europeos nos dous xéneros.
Castelao é o humorista literario que mellor entendeu a
lección de Cervantes no Quixote, e demostrouno nos contos publicados en Cousas
e Retrincos e noutras narracións. Así o recoñeceu, reiteradamente,
Wenceslao Fernández Flórez, un dos seus seguidores e admiradores. Pero Castelao foi tamén, en opinión do crítico José Francés, creador dos Salóns
de Humoristas en Madrid, . E
Bagaría, viñetista de El Sol e o máis prestixioso caricaturista da
época, poñia a Castelao e Gosé no cumio do humor gráfico en España.
Na conferencia Castelao, o humor galego en Europa,
que dictarei o mércores, día 20, ás 18,30, na Cidade da Cultura, tentarei
explicar como un rapaz de Rianxo que vivira a infancia na emigración arxentina,
puido acadar tal categoría. A formación adquirida a partir do humor popular
galego e do estudo dos grandes mestres do humor gráfico europeo, ademais do
proceso de concienciación galeguista, foron os alicerces da súa evolución desde
o viñetista divertido da revista Vida gallega ao humorista madurecido e
comprometido do Álbum Nós, unha das grandes creacións do humor gráfico
europeo.
Se che apetece e non tes nada mellor que facer,
estarei encantado e moi honrado de contar contigo no auditorio.
Apertas.
Siro
Diálogos ao redor de Castelao https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/dialogos-ao-redor-de-castelao
Para celebrar o Día de Castelao —que se conmemora facéndo o coincidir
coa data do seu nacemento, o 30 de xaneiro— damos inicio na Cidade da
Cultura de Galicia ao ciclo Diálogos ao redor de Castelao, que procura abrir un espazo de conversa, análise e reflexión entre
personalidades da actualidade, á vez que propiciar a súa posta en relación con
expertos na biografía e na época do artista e intelectual galeguista.
Esta actividade dinámica servirá de estupendo alfinete para a exposición Castelao
maxistral. A boa obra ao mestre honra, que acollemos no Museo Centro Gaiás desde o
pasado 5 de outubro e que se clausura o 3 de marzo de 2019. Esta mostra supuxo
todo un fito histórico, xa que exhibe por vez primeira en Galicia a icónica
obra A derradeira leición do mestre, considerada o 'Guernica
galego', pintada en 1945 por Castelao en Buenos Aires en homenaxe ao seu amigo,
o intelectual Alexandre Bóveda, asasinado en 1936.
Esta actividade tamén forma parte de todo unha programación que está
dinamizar e arroupar unha exposición que supera xa os 25.000 visitantes. Nesta
ocasión, propoñémosvos participar nun formato achegado no que participantes e
conferenciantes poidades intercambiar ideas de xeito máis próximo e nun
ambiente distendido.