Tuesday, February 19, 2019

Castelao, o humor galego en Europa Conferencia de Siro Lopez dia 20 - Cidade da Cultura de Galicia


Castelao é o humorista total: humorista literario e humorista gráfico. Non se trata dunha figura importante no ámbito galego, senón dun dos grandes creadores europeos nos dous xéneros.
Castelao é o humorista literario que mellor entendeu a lección de Cervantes no Quixote, e demostrouno nos contos publicados en Cousas e Retrincos e noutras narracións. Así o recoñeceu, reiteradamente, Wenceslao Fernández Flórez, un dos seus seguidores e admiradores. Pero Castelao foi tamén, en opinión do crítico José Francés, creador dos Salóns de Humoristas en Madrid, . E Bagaría, viñetista de El Sol e o máis prestixioso caricaturista da época, poñia a Castelao e Gosé no cumio do humor gráfico en España.
Na conferencia Castelao, o humor galego en Europa, que dictarei o mércores, día 20, ás 18,30, na Cidade da Cultura, tentarei explicar como un rapaz de Rianxo que vivira a infancia na emigración arxentina, puido acadar tal categoría. A formación adquirida a partir do humor popular galego e do estudo dos grandes mestres do humor gráfico europeo, ademais do proceso de concienciación galeguista, foron os alicerces da súa evolución desde o viñetista divertido da revista Vida gallega ao humorista madurecido e comprometido do Álbum Nós, unha das grandes creacións do humor gráfico europeo.
Se che apetece e non tes nada mellor que facer, estarei encantado e moi honrado de contar contigo no auditorio.
Apertas.
Siro

Para celebrar o Día de Castelao —que se conmemora facéndo o coincidir coa data do seu nacemento, o 30 de xaneiro— damos inicio na Cidade da Cultura de Galicia  ao ciclo Diálogos ao redor de Castelao, que procura abrir un espazo de conversa, análise e reflexión entre personalidades da actualidade, á vez que propiciar a súa posta en relación con expertos na biografía e na época do artista e intelectual galeguista.
Esta actividade dinámica servirá de estupendo alfinete para a exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra, que acollemos no Museo Centro Gaiás desde o pasado 5 de outubro e que se clausura o 3 de marzo de 2019. Esta mostra supuxo todo un fito histórico, xa que exhibe por vez primeira en Galicia a icónica obra A derradeira leición do mestre, considerada o 'Guernica galego', pintada en 1945 por Castelao en Buenos Aires en homenaxe ao seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, asasinado en 1936.
Esta actividade tamén forma parte de todo unha programación que está dinamizar e arroupar unha exposición que supera xa os 25.000 visitantes. Nesta ocasión, propoñémosvos participar nun formato achegado no que participantes e conferenciantes poidades intercambiar ideas de xeito máis próximo e nun ambiente distendido.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?