Thursday, June 01, 2023
Crónica «Puntadas sen fio» - Racismo e fútbol por Siro Lopez (in Voz de Galicia)
Cando en España non había máis cadeas de televisión que as dúas de TVE, emitiuse un programa dedicado ao descubrimento e colonización do Novo Mundo, e para defender que na conquista non houbera racismo foi invitado Ernesto Giménez Caballero, o primeiro fascista español, admirador afervoado de Hitler, Mussolini e Franco. Cando lle preguntaron se os españois somos racistas, sorriu de orella a orella e respondeu: «No somos racistas. Somos raceadores». E para mellor facerse entender acenou coas mans como se tivese collida unha india polas nádegas e estivese penetrándoa. Xa o dixera, anos antes, no libro Genio de España: «Somos un país fecundo, genial; genital. Somos raceadores, donjuanes, magníficos garañones varoniles de pueblos». Entre eses pobos podería citar os da África negra, porque moitos españois se sentiron atraídos sexualmente polas «mulleres de ébano» e ata os houbo que casaron con elas. Pero ese argumento, que aínda se esgrime hoxe, non nos exime da condición de racistas, porque moitas grandes fortunas españolas se fixeron ou se multiplicaron, desde o século XV ata finais do XIX, co tráfico de escravos; e no mercadeo participou a sociedade española toda, incluída a Igrexa. A diferenza estivo en que no XV facíase nas gradas da catedral de Sevilla e no XIX nas páxinas de xornais como El Diario de Madrid e Diario Mercantil de Cádiz, que anunciaban compras e vendas de escravos, mesmo de nenos de dez anos, e ata daban razón dos vendedores e compradores nas redaccións.
Este é o racismo dos listos, dos
que por intereses económicos impediron que na Constitución de 1812 se abolise a
escravitude, como pretendían os deputados liberais José Guridi y Alcocer e
Agustín de Argüelles. E penso que sen a Revolución Industrial, que trocou o
escravo polo proletario, aínda hoxe andariamos a voltas con tan noxenta lacra,
porque raro é o ano en que non se descobren temporeiros en condicións
infrahumanas no campo andaluz.
Os outros racistas, os parvos,
van aos campos de fútbol a aldraxar xogadores negros, chamándolles
«monos». Actúan coa impunidade que lles permite o protocolo da FIFA, que pon
todos os atrancos posíbeis para a suspensión do partido. Só faltan as regañinas
por megafonía dos capeláns dos clubes falando do amor ao próximo e das penas do
inferno para os aldraxadores teimudos. Leria. É como esperar que, por
explicarlles a función clorofílica das plantas, deixen os pirómanos de queimar
o monte. Por iso entendín a Eric Cantona, que é branco pero sentiuse negro,
aquel 25 de xaneiro de 1995 en que voou coa perna por diante, coma un karateka,
e bateu cos tacos no peito dun paspán que non deixara de agravialo.
Non o debería dicir, pero
entendino e aplaudino.