Saturday, April 12, 2025
Ione Belarra e os galegos sen graza – Crónica PUNTADAS SEN FÍO por Siro Lopez in «Voz de Galicia»
Na inauguración en Ferrol da mostra 40 anos de Autonomía Galega nas caricaturas de Siro, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, molesto coa afirmación de Ione Belarra de que os galegos non somos graciosos, comprometeume a tratar o asunto nun artigo, e aquí estou. Non o fixen antes porque xa en 1980 dediquei unha dobre páxina de La Voz ao menosprezo que os autores do Século de Ouro mostraran polos galegos e, claro, ante expresións como «antes puto que gallego» ou «la coz galiciana», co significado da traizón que cumpría esperar da xente galega, o de Belarra é só unha parvada. Pero aproveitarei o compromiso para dicir algo sobre o humor galego, que será como abrir unha xanela e respirar fóra do aire viciado da política.
A
exministra Belarra dirixiuse ao expresidente Rajoy e díxolle
textualmente: «Yo entiendo que usté tiene esa lógica y ese gracejo. No sé
de dónde lo ha sacao porque usté es gallego y los gallegos no tienen fama de
graciosos». Sorprende que Ione Belarra non coñeza os cómicos monologuistas
galegos de enorme enxeño, que van de Moncho Borrajo —en breve deixará o
escenario despois de cincuenta e catro anos de éxitos— a Luis Piedrahita,
creador do EMHU (Encontro Mundial de Humor, na Coruña), e entre ambos tantos
homes e mulleres con graza e talento que renuncio a nomealos, e só citarei
dous: Pepe Rubianes, recoñecido como mestre por monologuistas cataláns como
Andreu Buenafuente, Silvia Abril e Berto Romero; e Pedro Brandariz, que coñeceu
a gloria de morrer durante a actuación. Pero sorprende máis aínda que Ione
Belarra non coñeza a obra literaria e xornalística dos galegos Castelao,
Wenceslao Fernández Flórez e Julio Camba, que dialogan no Parnaso do humor con
Cervantes, Molière, Bernard Shaw, Chesterton, Chaplin… Unha psicóloga metida a
política como Ione Belarra debería coñecer a Castelao, o humorista que deu voz
ao pobo nas viñetas da serie Cousas da vida, porque foi tal a afinidade
que os paisanos remataban as conversas sobre a actualidade dicindo: «Sonche
cousas da vida por Castelao».
En
contra do que Ione Belarra pensa, a sensibilidade humorística é unha
peculiaridade dos galegos, creadores da retranca, trécola que nos permite
saírmos de situacións conflitivas sen comprometérmonos. Cando Mariano Rajoy,
ante as preguntas comprometedoras de Ione Belarra, suou e se puxo vermello
coma un centolo cocido, pero botou balóns fóra valéndose da retranca, exerceu
de galego listo. Despois de varios ataques sen éxito, a portavoz de Podemos xa
non sabía se Rajoy subía ou baixaba as escaleiras, e rendeuse e felicitouno ao
seu xeito, que —xa se sabe— é o de meter a pata por falta de coñecemento.
Por
iso suxiro á psicóloga e política Ione Belarra que se achegue ao cantigueiro e
refraneiro galegos para coñecer as formas máis excelsas do humor popular. E que
lea o Valle-Inclán dos esperpentos, o Cela de Los ciegos y los tontos, o
Silvio Santiago de Vilardevós, o Marcial Suárez de O acomodador e outras
historias, o Carlos Casares de tantos artigos brevísimos, o Cunqueiro todo, o
Carlos López, Chinto, dos contos para nenos absolutamente hilarantes…
Fágao e despois fale. Un slogan dos meus anos mozos dicía: «Unha persoa sen
información é unha persoa sen opinión». Agora non, agora falar non ten cancela;
pero paga a pena recuperar o slogan e facelo realidade.