Monday, November 13, 2023
Crónica Puntadas sen fío - «Algo sobre Picasso» por Siro Lopez (In voz de Galicia)
Cando os gobernos de Francia e España acordaron conmemorar xuntos, en 2023, os cincuenta anos do pasamento de Picasso, grupos feministas dos dous países opuxéronse por ser un maltratador de mulleres.
Ningún reparou en Carles Casagemas, o seu amigo da alma, compañeiro de soños artísticos e de andainas nocturnas en Barcelona. Casagemas, de familia burguesa catalana, era aos vinte anos pintor, alcohólico, morfinómano e con problemas de disfunción eréctil; pero cando viaxou con Picasso a París perdeu a cabeza por Germaine, unha moza de vida alegre e libre como as andoriñas, que o rexeitou amablemente. Unha noite convidouna a cear con outros amigos e despois de beber sen acougo sacou unha pistola, apuntouna con ela e dixo: «Isto para ti». Disparoulle e engadiu: «E isto para min». Meteuse un balazo na cabeza e caeu morto.
Germaine botárase debaixo da mesa e ergueuse horrorizada, pero viva.
Picasso homenaxeouno nun lenzo que o representa chegando a cabalo a un Alén onde na vez de anxos o acollen prostitutas con ligueiros. Semella moi frívolo, pero os críticos coinciden en sinalar o suicidio de Casagemas como o comezo da época azul de Picasso, polo que o feminismo perdeu a oportunidade de largarlle algunhas acusacións máis.
Nos primeiros anos do franquismo procurouse subestimar a Picasso como artista e como persoa. O intento máis torpe paréceme negarlle orixinalidade ao Guernica, encargado polo goberno republicano para o pabillón da Exposición Internacional de París de 1937, por ser unha recreación doutro lenzo dedicado á morte do toureiro Sánchez Mejías; de aí a presenza do morto coa espada na man, do touro e do cabalo. É certo, pero iso non devalúa o Guernica nin a Picasso, que tivo talento para trocalo completamente representando o cabalo teutón, o touro ibérico e o paisano vasco que morre mentres tenta defenderse coa espada do bombardeo, nunha das obras máis estarrecedoras, conmovedoras e logradas da historia da arte.
Picasso sabía moi ben o que facía, de aí que declarase a un xornal norteamericano: «En el mural en que estoy trabajando, que titularé Guernica, y en todas mis obras recientes, expreso con claridad mi odio hacia la casta militar que ha hecho naufragar España en un océano de dolor y de muerte». En 1940, cando Francia foi ocupada polo exército alemán, tentou obter a cidadanía francesa para non ser entregado ás autoriddes españolas, pero non lla concederon. Para colmo, en 1942, o pintor Vlaminck, simpatizante do nazismo, publicou nunha revista parisina: «Pablo Picasso é culpable de levar a pintura francesa a un mortal calexón sen saída. De 1900 a 1930 conduciuna á negación, á impotencia e á morte». Era tanto como dicir á Gestapo: «Velaí tedes o responsable da arte dexenerada, que tanto aborrecedes». Enténdese que é pura ficción o diálogo entre Picasso e os militares alemáns que lle din: «Así que vostede é o autor do Guernica». E el responde: «Non, os autores son vostedes».
Non estaba o alcacén para gaitas.