Tuesday, April 25, 2023

Día do libro e do libreiro por Siro Lopez


O arqui inimigo do escritor é o censor, e aínda que Dante non deu co gremio no Inferno, alí están todos, ardendo eternamente no lume dos libros que queimaron. Inimigo menor foi o libreiro editor que levaba a tallada do león nos acordos cos autores. Sábese que Cervantes cobrou un 10 % das ganancias que deu a primeira parte do Quixote e que a segunda, a boa, vendeuse menos que o Quixote de Avellaneda e seguiu infravalorada mentres alemáns e británicos non nos aprenderon a lela, interpretala e entendela.

Hai cen anos os escritores falaban pestes dos libreiros editores. Emilio Carrere acusábaos de seren responsábeis de que en España non se lese e descualificábaos por cutres e inmorais: «El librero es el comerciante del cerebro ajeno, el que vive de los que escriben y no sabe leer». Valle?Inclán chamáballes «comerciantes sórdidos» e sinalábaos como explotadores do escritor. Por iso editou el La corte los milagros cuns beneficios netos de 15.000 pesetas, que serían de 1.500 se a editase un libreiro.

Hoxe non hai libreiros editores que chegan a ricos, senón homes e mulleres que aman os libros e, malia a competencia dos hipermercados e do libro virtual, déixanse levar pola vocación e crean librerías tan fermosas como ben xestionadas. Os roteiros turísticos de algunhas cidades moi ben poderían incluír un percorrido por estas librerías nas que o mellor amigo do libro e dos autores é o libreiro. Eu son máis de «librerías de vello» e viaxei moito a Oporto, Lisboa, Madrid e Barcelona para pasar uns días esculcando os andeis de espléndidas librerías en procura de resposta ás preguntas que me facía sobre os temas que me interesaban. A emoción que sentín ao atopar en Barcelona os dous tomos de La caricatura contemporánea, do cubano Bernardo G. Barros, con toda a información que deu ao Castelao mozo formación teórica para seguir un estilo e defendelo en conferencias, foi a mesma de cando adquirín nunha poxa en Oporto a colección completa da revista francesa L'Assiette au Beurre, onde o Castelao creador do humor gráfico galego achou inspiración para algunhas das súas viñetas. A mesma do día que recibín un cento de exemplares do xornal arxentino Don Quijote, dos anos 1890 a 1893. Foi durante a ditadura militar e tiven que pagalos en dólares nun banco dos EE.UU., pero puiden escribir a primeira biografía rigorosa do galego José María Cao, o pai da caricatura arxentina, e corrixir os erros que viñan repetindo os comentaristas, desde Alberto Vilanova a Luís Seoane.

Estou certo de que Cervantes, Carrere, Valle, Cao e Castelao tamén celebrarían neste 23 de abril o Día do Libro e do Libreiro.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?