Tuesday, April 25, 2023
«De blasfemias e humores» por Siro Lopez
De rapaz, atribulado polo nacionalcatolicismo, eu vía na blasfemia unha manifestación de rebeldía ante a Igrexa prepotente, e cando lin en don Antonio Machado que a blasfemia é parte da relixiosidade popular non acabei de crelo ata que souben do Petenero, un taxista do rural que levaba varios cregos a un enterro e paroulle o coche, que era un cacharro vello. O Petenero daba voltas arredor del e rosmaba: «Se fósemos sós habías andar!». E como o o repetiu varias veces, o cura máis novo díxolle: «Petenero, se por iso é, aquí todos somos homes». E o Petenero zorregoulle un par de couces ao coche mentres berraba: «Anda, me casoensós!». E o coche andou.
Aínda así, a blasfemia ségueme parecendo unha parvada e un agravio innecesario aos crentes. Certo que moitos son hipersensíbeis e ven blasfemia onde só hai humor. Nun cartel do Entroido de A Coruña, de 2017, aparecía o debuxo dun choqueiro disfrazado de papa e pifando dunha botella, e alguén levou as queixas ao bispo de Santiago, que picou e lamentou publicamente a aldraxe inexistente. En realidade, durante moito tempo nas comunidades relixiosas non gustou a risa e cando o padre Feijoo escribiu no Teatro Crítico Universal o capítulo Chistes de N., tan erudito como divertido, outro frade rexeitouno por ser «descanso impropio de una pluma seria». Feijoo, molesto, deulle unha lección de filosofía e un tirón de orellas nas Cartas eruditas. Pero se a risa é, en si mesma, cousa mala, a que nace da mofa á Igrexa é moitísimo peor. Goya correu a retirar das librerías o cartafol de Os Caprichos cando non vendera máis que 27 porque, malia estar xordo como unha tapia, oíra que os membros da Santa Inquisición, irados con varios gravados, ían por el. Salvouno o rei Carlos IV, ao aceptar os cobres como agasallo.
Porén, unha Igrexa allea á mensaxe do Cristo sementou xenreira durante séculos e recolleu anticlericalismo nos pregos de cordel, no refraneiro e na obra literaria e plástica de grandes e pequenos creadores, os máis deles armados coa risa, e hoxe a sátira anticlerical é amplísima.
O novedoso está en que esa sátira perdeu presenza ante a utilización paródica dos dogmas católicos, como no sketch dun programa de humor na TV3 catalana, en Semana Santa, no que unha Virxe do Rocío entra no plató e di que leva douscentos anos sin poder echar un buen polvo por mor do traxe e tenta ligar cos presentadores porque está «más caliente que el palo de un churrero». A min non me fai chisco de graza, pero seica á audiencia da TV3 lle pareceu divertidísimo. E iso é mala cousa porque o venerado cardeal Torras i Bages, afervoado catalanista, profetizara que «Catalunya será cristiá ou non será». Pois parece que non será.