Wednesday, March 01, 2023
Crónica – Puntadas sen fio - «Amancio e o queixo» por Siro lopez (in Voz de Galicia)
Nos primeiros anos setenta, un chiste ía de boca en boca. Franco, de vacacións en Meirás, foi pescar cuns amigos a un río troiteiro e, ao sentir a necesidade de mexar, deixou a cana e foi onde ninguén o vise. Á volta topou cun paisano que o saudou amablemente, pero o caudillo decatouse de que non o recoñecera e preguntoulle:
—Non sabe quen son, verdade?
O paisano ollouno atentamente, negou coa cabeza e respondeulle con outra pregunta:
—Tiña que sabelo?
Franco, por axudalo, comentoulle:
—Home… Sonlle o galego máis importante.
O paisano botou as mans á cabeza e díxolle, compasivo:
—Que vello vas, Amanciño!
O chiste fala do coñecido, admirado e querido que chegou a ser Amancio polos afeccionados ao fútbol.
En xullo de 1966 eu estaba en Madrid e puiden ver na televisión o Mundial de Fútbol celebrado en Inglaterra. A selección española, campioa de Europa dous anos antes e con excelentes xogadores, era unha das favoritas, e Amancio, con 26 anos, unha das estrelas. O seleccionador, José Villalonga, levara catro galegos máis: Luis Suárez, Reija, Ufarte e Marcelino. As cousas non foron ben e só gañamos o encontro con Suíza, por 2-1, co gol da vitoria marcado por Amancio, que se lanzou en prancha e rematou de cabeza un centro de Gento. O gol foi espléndido, pero o defensor, ao tentar despexar o balón, bateu coa bota na cara de Amancio, que quedou inconsciente e non puido celebralo. Aquela noite, a radio da BBC de Londres entrevistou a Amancio coa axuda dun tradutor. Todo foi ben ata que o locutor preguntoulle polo golpe recibido e Amancio respondeu:
—Sí, me lancé en plancha y él, al intentar despejar el balón, me dio una patada en el queso.
O tradutor, desconcertado, pediulle:
—Repita, por favor.
E Amancio repetiu que el defensor le había dado unha patada en el queso.
Entón escoitouse a voz de Enrique Mariñas, que estaba con él:
—One moment, please.
E logo explicou:
—En la región española donde nació Amancio, el maxilar inferior se llama queso.
Non é así. En Galicia e en galego ao maxilar inferior chamámoslle queixo, pero en castelán non dicimos queso. Amancio, como tantos outros galegos, incluído Valle Inclán, fixo unha tradución literal e Mariñas foi polo atallo, o tradutor respirou tranquilo, e a entrevista puido continuar. Aquela noite fíxenlle a Amancio a caricatura que ilustra este comentario.