Sunday, February 19, 2023

Crónica: Puntadas sen fio - «Do diario de San Valentí» por Siro Lopez (in Voz de Galicia)

 

No álbum de autógrafos que pertencera a unha dama de grande beleza descubriu Marañón un poema amoroso de Menéndez Pelayo, apaixonado coma os de Ovidio e Anacreonte. Despois soubo que, pasados moitos anos da data que figuraba ao pé dos versos, asistira o sabio ao teatro e víraa co marido. O cabelo branco non lle restaba fermosura nin elegancia e don Marcelino sentiu que o corazón lle estoupaba no peito, pero repúxose e comentoulle con humor ao amigo que o acompañaba: «¡Dios mío, de qué felicidad me he librado!».

Menéndez Pelayo, célibe e sexualmente moi activo, tivo una vida con amores e desamores, pero outros homes de letras sen a súa rodaxe non aceptaron con igual calma a perda da muller amada. O noso Ánxel Fole nunca moza tivo, pero con cincuenta anos namorouse dunha veciña. Tímido como era, nada lle dixo e cando a viu con outro, toleou. Un día en que levaba a angustia nos ollos, Carlos Maside lle fixo un retrato a tinta, dos máis conmovedores que coñezo. Cunqueiro baixou aos infernos por conservar unha muller que acabou perdendo. Refuxiouse en Mondoñedo e no mundo máxico que creou para recibir en terras de Miranda a Merlín e familia. A aquela primeira fabulación en galego seguiron moitas máis e como autor bilingüe converteuse nun dos grandes narradores do mundo.

Moitas páxinas do diario de san Valentín falan de amores esplendorosos que podrecen por irresponsabilidade dos amantes. É o de Paul Éluard e Gala, que adoita contarse mal. Con dezasete anos Paul e dezaoito Gala, coincidiron como pacientes nun sanatorio antituberculoso en Suíza e cando el volveu a París e ela a Kazán, en Rusia, seguiron prometéndose amor eterno nunha intensa relación epistolar. Pero Gala ía tan en serio que, en plena Guerra Mundial, atravesou Europa para reunirse co amado. En 1917 estaban casados e ela era musa de escritores e artistas. Foron a parella ideal ata que Paul meteu na casa o pintor Max Ernst, que empezou a acosala, e cando Gala advertiu ao marido, el pediulle que accedese. Durante un tempo funcionou o ménage à trois pero a convivencia esfarelouse. Gala marchou á caza de Dalí e, mentres o facía gañar millóns de dólares nos EE.UU., deitábase con amantes cada vez máis novos.

Un dos amores máis tristes é o de Sammy Davis e a belísima Kim Novak, que o racismo de Hollywood non permitiu. No diario hai tamén un texto subliñado en vermella e con palabras fortes nas marxes. Di: «A compañía aérea Eastern Airlines descontou un 50 % no billete das mulleres que acompañasen os maridos en viaxes de negocios. A campaña foi un éxito e a empresa pediu ás señoras unha breve nota sobre aquela experiencia. As máis delas responderon cunha pregunta: Que viaxe?».


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?