Sunday, January 08, 2023

Crónica Puntadas sen fio - Un regalo de Reis por Siro Lopez en Voz de Galicia

 


O 13 de Nadal un condutor portugués con moitos anos ao lombo perdeuse nas rúas da Coruña e despois de precipitarse por dous escanos apareceu co coche nos mármores da Praza do Humor. O susto dos personaxes alí representados foi tremendo e Valle?Inclán, curtido en México e na Gran Guerra, houbo de chamar á calma. O único que non se decatou foi O. Henry, que dorme a calquera hora con sono profundo, e cando espertou, por acougar os ánimos, propuxo que durante trinta días cadaquén narrase un conto e antonte el engaiolou a audiencia co titulado Regalo de Reis, que en síntese di así:

«Della contou o diñeiro unha vez máis: un dólar oitenta e sete centavos, aforrados un a un en regateos cos tendeiros. Era a véspera da Epifanía e con eses cartos non podería mercar nada para o seu amado Jim, que o merecía todo. Naquel fogar só había dúas cousas estimadísimas pola parella: o reloxo de peto de Jim, herdo do pai e do avó; e a fermosísima cabeleira de Della que lle chegaba máis abaixo dos xeonllos.

Della botouse á rúa e detívose ante un cartel que dicía: “Madame Sofronie. Mercamos pelo”. Pagáronlle vinte dólares polo seu e correu en procura dunha cadea de prata de precioso deseño para o reloxo de Jim. Volveu á casa con oitenta e sete centavos para arranxar a cea, pero feliz porque con aquela cadea Jim podería consultar a hora en público, sen avergoñarse da vella, tan cativeira.

Della pasou a tarde ollándose no espello, desacougada e chorosa; e cando ás sete en punto oíu os pasos de Jim achegándose á porta, xuntou as mans e orou:

—Por favor, Señor. Faille crer que aínda son guapa.

Jim entrou, viu a Della e quedou quieto e calado, cos ollos arregalados cravados nela. Della correu a el, abrazouno, bicouno e rogoulle entre bágoas:

—Jim, querido, non me olles así. O pelo medrará axiña.

Jim falou por fin e como se non crese o que vía, preguntou:

—Della, cortaches o pelo?

—Si; corteino e vendino para facerche este regalo de Reis.

Mostroulle a cadea e engadiu:

—Non che parece elegantísima, Jim? Agora poderás mirar a hora en todas partes, cen veces ao día.

Jim abrazouna e sacou un paquetiño do peto. Dentro estaba o xogo de broches para suxeitar o cabelo, polo que Della levaba suspirando tanto tempo.

—Vendín o reloxo para poder regalarcho, Della querida.

E ficaron abrazados ata a hora de cear filetes de bacallau con uvas pasas».

Cervantes iniciou o aplauso e seguírono todos os protagonistas da Praza do Humor. Castelao, que sempre foi chorón, enxugou unha bágoa.

Que teñan un feliz 2023.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?