Saturday, January 29, 2022

PUNTADAS SEN FÍO - «Ese vello e eu» por SIRO Lopez (in Voz de galicia)


Cando en 2006 a enfermidade me obrigou a deixar a Redacción da Voz, onde tan feliz era, non pensaba que seguiría cumprindo anos; pero aquí estou con 79 cantándome no papo. Coa saúde remendada, si; pero con puntadas que van resistindo e, ademais, co sentido do humor intacto. E iso é vitamina para o espírito e para o corpo tamén.

Dáme pudor dicilo, pero o nacho que vexo cada día no espello case nada ten comigo. Recoñézoo porque me acompaña desque teño memoria; pero ese vello potrenco, chepudo, que camiña sentado, non é o «eu» que vai en min. Que vai ser! Eu non son o que sobe unha costiña e queda sen alento; o que perdeu a voz —aquela voz que namoraba ás señoras nos programas radiofónicos— e hoxe fala como Pepe Isbert; que ás veces nin eu o entendo. Eu non son ese. Eu son o outro: o que enche os pulmóns de aire e sorrí cada amencer ante a beleza da ría, que ollo desde a xanela; o que relouca de contento cando algún debuxo ou artigo lle sae medio ben e colle azos para facer algúns máis; o que ten tantos proxectos ilusionantes, que lamenta a curta duración dos días; o que pensa na infancia en tempo de fame, na adolescencia e na mocidade nunha España gris e miserenta; e, endebén, as primeiras imaxes que lle veñen á memoria son de feitos divertidos, de momentos felices, de risas compartidas.

Agora mesmo, sen meditar nada, véxome neno de sete ou oito anos ante o Monxe, un curandeiro moi alto e moi fraco, que viña todos os outonos a Ferrol para atender unha clientela que agardaba por el coa mesma fe que outros doentes ían á Virxe de Chamorro. O Monxe tiráballes a todos os pacientes unha radiografía, así fosen a el para curar a reuma, os oídos ou a pel. O aparello de raios X era unha caixa de coñac Tres Cepas, pintada de negro e co visor e o obxectivo dunha cámara Agfa axustados nas paredes extremas, e a radiografía sempre a mesma, claro; pero el ollábaa contra a luz, como se a vise por primeira vez e os enfermos quedaban medio curados. Polo demais o Monxe era moi sabido en herbas, e din que atinaba moi ben nos males e nos remedios. Daba xenio oílo coa voz doce e cantareira, pregoando polas rúas:

—¡Manzaniiilla, hierba Luisaaa, sanguinaaaria, flor de malvaaa...!

E véxome con dezanove anos na Oficina Técnica de Maquinaria, en Bazán, onde descubrín que podía facer caricaturas cando pasou a carón de min Luis Picos, un home baixiño e barrigón, a quen por ser o tradutor de inglés chamabámoslle Luis Pikinglis. Olleino, vino en caricatura e debuxeino; logo debuxaría a todos os demais. Este Luis Picos, que deu clases de inglés aos máis dos mariños mercantes de Ferrol, era un home especial: á boa fe, inxenuo, candoroso. E Bouzamaior un home grandísimo, enorme, xigantesco; e con tanto bo humor que non lle cabía no corpo. Era cazador e un día preguntoulle a Picos, en voz alta para que todos oísemos:

—Oiga, don Luis. Me mandaron de Inglaterra un perro de caza, pero como es inglés no me entiende. ¿Usted podría darle clases de español?

Picos, respondeu de contado:

—Claro que sí. Sin ningún problema.

—¿Entonces se lo llevo?

—Llévemelo.

—¿Y cuánto me va a cobrar?

E Picos, con toda naturalidade:

—Como a un alumno cualquiera.

Podo ilustrar así cada etapa da miña vida, polo que escribirei unhas memorias humorísticas antes de facer os 80. Mentres, se vostedes mo permiten, seguirei dando puntadas sen fío.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?