Monday, July 19, 2021
«La derechita valiente» e «El Jueves» por Siro Lopez (in Voz de Galicia)
No ano 1884
desaparecía en París, baixo a lei que restablecía a censura, a revista
satírica La Caricature, fundada cinco anos antes con Daumier como
principal caricaturista e humorista gráfico. O editor e director Charles
Philipon publicou un editorial de despedida:
«Para crebraren os nosos lapis crearon unha lei contra nós; unha lei que
fai imposible seguir a obra que estivemos a realizar malia as incontábeis
incautacións, os arrestos inxustificados, as multas esmagadoras e as longas
detencións. É que nós tiñamos o valor que dan a consciencia de exercer un
dereito e a certeza de obrar ben. Si, nós obrabamos ben! Desenmascaramos aos
farsantes que actuaron ao longo de quince anos, aos apóstatas da liberdade,
poñéndoos na picota do noso xornal e dando despiadadamente a súa imaxe á burla
do pobo que explotan. Agora poden rachar as denuncias que a nosa xustiza puxo
sobre as súas cabezas, mais non lles será tan doado borrar ou facer esquecer os
estigmas de vergoña con que os sinalamos estes cinco anos».
As palabras de
Philipon convertéronse nun manifesto en defensa do humor, que asumiron editores
de espírito revolucionario en publicacións satíricas europeas e americanas e
mantívose ata hoxe. As ditaduras e o matonismo que as defende
aborrecen a crítica feita con humor, de aí que a redacción de La
Codorniz fose asaltada, en 1955, por un grupo de falanxistas e
que, anos despois, se convertese en obxectivo dos Guerrilleiros de
Cristo Rey. A noite en que foron atacala toparon na porta co
debuxante Alfonso Abelenda, tan listo como simpático, que os levou
a un bar próximo, botoulles un discurso, apañaron unha trompa xuntos, e a
agresión quedou en nada. Non había un Abelenda na revista El Papus en
1977, cando a Triple A enviou á redacción un paquete bomba que matou ao
conserxe, danou gravemente á secretaria e causou feridas a dezasete persoas.
Malia os cambios sociais producidos e entendermos a ridiculización de
institucións e personaxes públicos en textos e viñetas como un dereito
democrático, aínda en 2016 a directora de El Jueves foi
agredida por un encapuchado despois de que nunha portada se alertara sobre o
auxe do feixismo.
Vox é un partido
político de extrema dereita que participa no xogo democrático con dúas regras
propias: dar leña ao contrario, valéndose da mentira, cando ataca; e botarse ao
chan, finxindo unha agresión, cando defende. E a verdade é que ver a la derechita
valiente coller unha perrencha porque El Jueves publicou
unha serie titulada «La pandilla Voxura», coas caricaturas dos líderes, resulta
máis cómico e fai rir moitísimo máis que os deseños, de gusto certamente
cuestionable. A dirección de Vox puido recurrir á Xustiza e
denunciar o agravio, pero optou por outra medida radical que Abascal aprendeu
en Euskadi cando ETA mataba: colgou na conta de Twitter a foto
do editor de El Jueves, o enderezo do seu
centro de traballo e advertiu de que moitos poden empezar a esixirlle
responsabilidades cando saia do despacho. Si, tal como facían as publicacións
vencelladas a ETA. Igualiño de noxento. Pois a secretaria do grupo no Congreso
xustificouno porque El Jueves «promueve
el odio igual que antes ocurría con Egin y Gara, donde se ponía la diana y otros disparaban».
Faltoulle rematar cun «ojo por ojo, diente por diente» e berrar «¡Muera la inteligencia!», claro.