Saturday, May 15, 2021
Puntadas sen fío - Ir por urxencias por Siro Lopez (in Voz de Galicia)
-Parece que me doe algo o recho.
-Ai, pois vai ao médico; que non che está a cousa para bromas!
-Pero non me darán cita ata a semana próxima.
-Pois vai por urxencias!
-Claro, claro! -Asenten a coro familiares e amigos-. Para iso está o
servizo de urxencias!
E alá van ao hospital, en coche, talmente como nun rally, soando
o claxon e sacando un pano pola ventá para que aparten os outros
condutores e chegar canto antes a un servizo de urxencias ateigado de xente,
porque nos últimos anos o número de pacientes que acode sen causa xustificada
aumentou un 9 %. E poden suceder dúas cousas: que o do recho, familiares e
amigos sexan xente civilizada e cando, cabo de dúas horas de espera, o doutor
ou a doutora que o atenda lle diagnostique «dixestión lenta da enchenta de
callos que papou no xantar», marchen, ledos e agradecidos, dando vivas á
Seguridade Social; ou que sexan unha panda de bárbaros cabreados pola espera,
que non cren o diagnóstico porque calquera ve que o do recho está para entrar
no quirófano; e enfróntanse aos médicos e asistentes, aldráxanos, ameázanos e
marchan berrando que cómpre poñer lume á Seguridade Social. Atrás quedan os
aplausos aos sanitarios desde ventás e balcóns, e nos servizos de urxencia dos
hospitais vólvense producir as máis das agresións. E repítense situacións
tráxicas, cando entran enfermos ou feridos graves; cómicas, como a do
hipocondríaco que chegou a medio morrer porque cravara nun dedo o bigote dun
langostino; e traxicómicas como a que se viviu hai anos no Hospital Juan
Cardona de Ferrol.
O moderno e bonito barrio de Caranza chamámolo os ferroláns Manhattan,
cun chisco de fachenda e de humor, pola altura dos edificios. En dous pisos dun
mesmo bloque, habitado por traballadores de Bazán, vivían dúas parellas amigas,
aínda novas. Nunha das vivendas avariouse a conexión do vertedoiro co tubo de
saída de augas e o home da casa, negado para os traballos manuais, racaneouse ata
que na mañá do sábado -día non laborable en Bazán- a muller espetoulle:
-Arranxa o vertedoiro.
El puxo o mono de traballo -que en Ferrol chamamos buzo-, agachou e
empezou a fedellar cunha chave inglesa, mentres a muller ía ao mercado. Ao
pouco, a conexión perdía como un cesto e o manazas, asustado, pediu axuda ao
veciño, máis hábil ca el.
-Déixame a min. Dáme o buzo.
Puxo o buzo, colleu a chave inglesa, agachou e meteuse baixo o
vertedoiro. Aquilo non ía, así que ordenou ao amigo:
-Vai á miña casa e tráeme a caixa da ferramenta.
Non ben marchara o recadeiro, entrou a muller coa bolsa da compra. Viu
a quen ela creu o seu home, agachado, con medio corpo baixo o vertedoiro e non
puido evitar a broma. Meteulle a man na entreperna e con voz burlona e cantareira,
preguntoulle:
-¿De quién son estos cojoncitooos?
A sorpresa fixo que o veciño erguera a cabeza e batera tan forte contra
o vertedoiro que perdeu o coñecemento e houbo que levalo «por urxencias».
Costa imaxinar a explicación da muller ao home; dos dous á muller do
accidentado; e dos tres no servizo de urxencias. Pero déronas, que se eu coñezo
a anécdota é por algo.