Saturday, January 16, 2021
De chulos e chulerías por SIRO LOPEZ (IN VOZ DE GALICIA)
Na divertida comedia La venganza de don
Mendo, o cabaleiro négase a aceptar o colar que a amada lle ofrece para
saldar unha débeda de xogo, e dille: «Y me anulo y me atribulo/ y mi horror no
disimulo,/ pues aunque el nombre te asombre/ quien obra así tiene un nombre,/ y
ese nombre es el de... chulo».
Si, chulo é o
macarra noxento; pero tamén o gracioso de sainetes, zarzuelas e chotis; e da
vida madrileña a comezos do século XX, como aquel Paco el seguro que por un módico prezo preñaba, no primeiro
encontro, ás criadas de servir que querían ascender socialmente a amas de cría.
Mesmo hai chulos
heroes, dos que o Cid Campeador é claro exemplo. No tenso
diálogo co rei, no Romance do desterro, vese que nel a chulería é
orgullo e dignidade:
—Te destierro de
mis tierras,/ te destierro por dos años.
—Si vos me
desterráis por dos,/ yo me destierro por cuatro.
Chulo fachendoso,
camorrista e talentoso foi Quevedo; e amortizou con cárcere e
pobreza as súas chulerías. A derradeira, xa moribundo, estivo na resposta ao
amigo que lle aconsellaba deixar cartos para pagar os músicos do enterro: «La
música páguela quien la oyere». E morreu.
Chulo por estética
foi Valle Inclán. «La muerte —dicía— hai que verla venir de frente
y aceptarla». García-Sabell preguntoulle como lle gustaría morrer, e respondeu:
«Hombre, es de cajón: ¡Fusilado!».
Case o consegue,
que morreu en xaneiro de 1936, en Compostela, e en agosto xa exercían con saña
os fusiladores.
Chulo pollo pera
era José Antonio Primo de Rivera; pero o gran chulo do falanxismo,
chulo delirante, foi o ideólogo Ernesto Giménez Caballero, que
exaltou a chulería como categoría hispánica; e como chulos describiu os
españois: «Somos raceadores, donjuanes, magníficos garañones varoniles de
pueblos».
Do falanxismo
franquista viña Adolfo Suárez, chulo seductor, o meu chulo
favorito. Das súas chulerías escollo dúas: cando, sen deixar de sorrir, lles
virou o pulso ao xeneral Miláns del Bosch, chulo marcial; e ao
presidente Giscard d´Estaigne, chulo elitista.
A antítese é Donald
Trump, chulo matón e ególatra. Varios equipos de psicólogos norteamericanos
deron a coñecer estudos —nalgún participou Mary Trump, sobriña súa, psicóloga
tamén— que Trump ten todos os riscos do trastorno da personalidade narcisista;
de aí que se crea superior, especial e único; e careza de empatía para
identificarse cos sentimentos e as necesidades do próximo. O que non explica a
psicoloxía é por que Trump é un histrión, unha caricatura de si mesmo, un
boneco de guiñol.
Casualidade ou non,
en poses e acenos faciais é cuspidiño a Mussolini, «o maior chulo
de Europa», dixo Hemingway, que o coñeceu e o cualificou tamén de ridículo.
Casualidade ou non, Mussolini acadou o Goberno de Italia coa marcha de miles de
camisas negras sobre Roma e Trump quixo conservar a presidencia dos EE.UU. coa
marcha dos seus indignados sobre o Capitolio. Logo, arrepiado polas
consecuencias, trocou a chulería en covardía e arremeteu contra eles. Mentres
escribo entérome de que a Cámara de Representantes aprobou xulgalo por
incitación á insurrección e de que a súa popularidade baixou entre os
republicanos un 40 %. Dúas boas novas nun ano que empezou con cara fea.