Saturday, January 30, 2021
«Castelao, risa e pandemias» por Siro Lopez in “Voz de Galicia”
Hoxe, 30 de xaneiro, cúmprense 135 anos do nacemento de Castelao e a
Consellería de Cultura celebra, en memoria súa, o Día da Ilustración. Está moi
ben, pero non quero evocar o Castelao artista de tantos talentos, senón o
Castelao médico que non exerceu por falta de vocación. É ben coñecida a súa
graciosa xustificación: «Fíxenme médico
por amor a meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade»;
pero repárase menos no diálogo entre un home esbacoado nunha cadeira e o
Castelao mozo, dunha viñeta de Cousas da vida:
-Faite médico,
home, que enfermos non faltan nunca.
-E a conciencia?
Si, Castelao era home de conciencia ética; por iso deixou a medicina e,
tamén por iso, cando a terrible gripe de 1918 chegou a Rianxo e enfermaron os
médicos do concello, volveu a ela para axudar aos seus paisanos. Como? Que
podía facer o médico Castelao ante aquela peste que infectou a oito millóns de
persoas en España e causou 270.000 mortes? O mesmo ca os outros: aconsellar,
receitar analxésicos e antipiréticos, e, ademais, o que di Lois Peña Novo:
tratar os enfermos con cariño de irmán, entrar e saír das casas con cara risoña
e axudalos, co humor, a recobrar o optimismo.
No comezo da pandemia, tamén o enxeño popular combateu coa risa o desacougo
e ante nomes tan inxustos como «gripe española» e «dama española» -porque a
orixe estaba en EE.UU. e a España chegara de Europa - chamóuselle «Soldado de
Nápoles», por ser tan pegadiza como a canción, así titulada,
da zarzuela La canción del olvido, estreada ese mesmo ano. Desde entón,
Agustín Aguirre, humorista gráfico do xornal madrileño El fígaro,
representouna coma un esqueleto vestido de soldado e os seus chistes ían de
boca en boca. Outros debuxantes tan prestixiosos como Bagaría e Tovar trataron
tamén o tema do misterioso virus.
O segundo brote foi moito máis letal e, aínda que a ciencia recurriu a
técnicas novedosas como as transfusións de sangue de pacientes recuperados a
outros enfermos, e ao soro creado no Instituto Pasteur, nada resultou efectivo
e sen a perspectiva dunha vacina a xente deixou de rir. O debuxante alemán
Wilhelm Schulz expresou a anguria do momento na viñeta en que a gripe pasa ante
o anxo da paz, que viñera poñer fin á Gran Guerra. Europa non volvería rir ata
os felices anos vinte.
As novas cepas do covid estannos levando á desesperación e necesitamos a
risa, «a máis efectiva defensa contra o
sufrimento», en opinión de Freud; «a
medicina universal», segundo Bertrand Russell. Si, a risa íllanos do que
doe e a gargallada danos azos para enfrontármonos ao medo. Quizais deberiamos
saír ás ventás, aos balcóns e ás terrazas das casas, como cando aplaudiamos aos
sanitarios, pero agora para contármonos chistes divertidos e rir a fartar. Non
importa que algúns non os oian, porque oirán o eco das risas e iso abonda para
seguirmos adiante un día máis.
A min divírtenme especialmente as reflexións agudas sobre as necidades da
realidade cotiá. A última mandouma por WhatsApp un amigo de Ferrol: «Daste conta de que ninguén fala de
contaxiados e contaxiadas? Cando a vida vai en serio, non estamos para
conachadas».
Pois si.