Saturday, December 12, 2020
«26 millóns de fusilados» por SIRO LOPEZ (IN VOZ DE GALICIA)
Un son eu, seguro. Entre 26 millóns de roxos españois, como non sentirme aludido? Ademais non é a primeira vez que un xeneral xubilado fala de fusilarme. En 1980 o historiador Carlos Fernández e eu faciamos en Radio Voz, de luns a venres, un breve debate sobre a actualidade con visión conservadora el e progresista eu, pero con moito humor os dous. Tratábase de informar e divertir, e acadamos altos niveis de audiencia. Un xeneral xubilado, veciño de Carlos, faloulle da conveniencia de fusilarme e cando o meu amigo, arrepiado, dixo en defensa miña que son boa persoa, o vello militar retrucou, enérxico: «¡Con mayor razón! ¡Un rojo buena persona tiene el peligro del proselitismo!». Meses despois, en febreiro de 1981, aquel xeneral xubilado deu a Carlos Fernández as listas das persoas a controlar despois do 23-F, e alí estaba eu. Non aseguro que fose cousa súa, porque seis anos antes, en Ferrol, outro xeneral xubilado, de ilustre apelido na ditadura, denunciárame por aldraxar ao exército nunha viñeta sobre a película El gran dictador; abríraseme un consello de guerra e fora acusado de «intento de sedición e incitación a la misma», delito penado con seis anos e un día.
O xove feixista Ramiro Ledesma, fundador das JONS, falaba con menosprezo
dos «grupos sociales antiheroicos por constitución natural, a los cuales será
risible entregar una bayoneta». Deses antiheroes tamén son eu, que nin as
escopetas de feira me gustan e non consigo entender que alguén, por moi
cabreado que se sinta e moi xeneral xubilado que sexa, poida dicir nun grupo de
WhatsApp: «Confío en que salga otro mata
rojos pero que esta vez no se quede corto... hay que aniquilar 26 millones,
niños incluidos». E cando un colega o recrimina porque os nenos son o único
inocente que nos queda, reafirma: «Nada,
nada; la purga es la purga. Tenemos que convencernos de una puta vez de que
nuestra sangre no admite la democracia. Nuestros odios son más fuertes que
nuestra convivencia».
Para este militarote, que se sente cristián porque vai a misa e reza o
Credo, fusilar é como tomar un vermú; pero a xente con conciencia e cerebro ve
no fusilamento un acto irracional e horrendo. E isto vale para o executor, o
espectador e a vítima. Ata José Antonio Primo de Rivera, que mantivo en todo
momento a fortaleza de ánimo, dicía nunha conmovedora carta a Sánchez Mazas,
horas antes de ser executado: «Te
confieso que me horripila morir fulminado por el trallazo de las balas, bajo el
sol triste de los fusilamientos, frente a caras desconocidas y haciendo una
macabra pirueta».
O cumio do esperpento guasaperil produciuse cando o aguerrido xeneral
xubilado se viu descuberto e fixo como aquel falanxista que na Guerra Civil
matou nun enfrontamento a un miliciano e cortoulle unha orella como trofeo;
pero, ao se producir un contraataque republicano e verse en perigo de caer
prisioneiro colleu a orella e tragouna. Tamén o vello xeneral tragou as
palabras dos seus wasaps e dixo que el non fora, que alguén lle collera o
móbil, que apenas o usaba…
En fin, se teño que morrer fusilado, que non sexa por un espadón con
prostatite e lumbalxia, e ademais covarde.
NOTA
ACLARATORIA:
Este
artigo titulábase <26 millones de hijos de puta. Non discuto as razóns da ´Voz” para
trocalo, pero o troco alterou o ton e o sentido do artigo. Se digo
no comezo que <un dos fillos de puta son eu, seguro, é unha gracia; se digo
que son un dos 26 millóns a fusilar, é unha fantochada, unha chulería, un acto
de fachenda impropio de min. Por iso envíovos esta nota aclaratoria: Eu
sentinme aludido polo xeneral como <fillo de puta>. O de elemento a
fusilar é secundario porque so é leria.