Saturday, November 14, 2020
Deica nunca, míster Trump por SIRO LOPEZ IN VOZ DE GALICIA
Dicía Octavio Paz que «la sociedad
empieza a corromperse cuando se corrompe la sintaxis». É a
percepción intelixente dun home de letras, pero parece máis certo que a
sociedade empeza a corromperse cando se corrompe a súa arte. En 1955, o
filósofo inglés Herberd Read publicou o ensaio Imaxe e idea, no que
estuda a función da arte no desenvolvemento da conciencia humana e chega á
conclusión de que na interpretación de cada momento histórico o artista
plástico adiántase a todos os demais creadores e tamén ao filósofo, ao
sociólogo e ao antropólogo da cultura: primeiro é a intuición, despois a
reflexión; primeiro a imaxe, despois a idea.
Se Herberd Read ten razón, a chamada arte conceptual, que se impón no
mercado internacional des que Duchamp convertera un urinario en obra artística,
en 1917; e cen anos despois acolleu un plátano pegado á parede, vendido por
120.000 dólares; anunciou o progresivo empobrecemento intelectual dunha
sociedade que hoxe despreza o coñecemento, acepta como valor cultural calquera
despropósito e fai da confrontación ideolóxica un conflito bélico.
É a culminación da rebelión das masas, anunciada por Ortega, que impoñen o
seu criterio nos lugares preferentes da sociedade. O home e a muller masa poden
non valorarse, pero saberse «coma todos», ser parte dun coro sen solistas,
abóndalles para sentirse ben e non propoñerse mellorar. O desdén polo saber en
boa parte da sociedade dos EE.UU. fixérase evidente nos debates televisivos
entre George Bush e Al Gore, candidatos á Casa Branca no 2000. Gore, coa
experiencia de ser vicepresidente con Clinton, sabía de todo e varreu a Bush;
pero as masas viron nel un solista pedante e votaron a quen semellaba un deles.
Nos debates de Trump e Hillary Clinton, en 2016, viuse que o desdén polo saber
medrara ata abranguer o desdén polo saber estar. Trump foi tan groseiro de
palabra e actitude, que Hillary contou no libro What Happened (O que ocorreu) o
incómoda que chegou a sentirse: «Seguíame onde fose, ollándome, poñéndome
caras. Sentía a súa respiración na caluga e estremecinme».
En pleno debate, o Washington Post deu a coñecer un vídeo, no que
Trump dicía a un presentador de TV: «Podes facer ás mulleres o que queiras
cando es unha estrela» e falaba das súas experiencias. Destacados membros do
Partido Republicano pedíronlle que retirase a candidatura; pero nin iso, nin
recoñecer que eludía o pago de impostos federais mermou o apoio da masa
electoral e foi presidente.
Trump non enganou a ninguén, nin tentou facelo. É fachendosamente
ignorante, agresivo e inmoral, e así se mostrou sempre. Chamou publicamente
maricón e fea a rivais do propio partido; mofouse, imitando a voz e os
movementos, dun xornalista cunha enfermidade que afecta ás función motoras; e
recoñeceu que nada lle importan os nenos da guerra porque é a encarnación do Mal.
O seu electorado riulle as grazas. Eufórico despois dun éxito nas primarias do
Partido Republicano, declarou: «Podería disparar a una persoa na rúa e seguiría
sendo o máis votado».
Trump era un problema, pero o problema é ese 50 % do electorado que o apoiou
e segue cabreado.