Saturday, October 31, 2020

O papa Francisco e o matrimonio gay por SIRO LOPEZ (IN VOZ DE GALICIA 31/10/2020)

 


A miña amiga ultracatólica mandoume un wasap cun arquivo e un comentario alarmista: «Esto es gravísimo. Supone el acto final para que se produzca un cisma». O arquivo titúlase «Francisco alienta la unión civil para parejas del mismo sexo» e informa de que no documental Francesco, do cineasta ruso Evgeny Afineevsky, estreado en Roma o día 21, o papa di que os homosexuais teñen dereito a formar unha familia porque son fillos de Deus e cómpre facer unha lei de convivencia civil que os ampare.

Por moito que o leo non vexo que as palabras do papa vaian contra o maxisterio da Igrexa. A homosexualidade non é pecado e o Catecismo da Igrexa católica, editado en 1992, déixao claro: «Un número considerable de homes e mulleres teñen tendencias homosexuais instintivas. Non elixen a súa condición homosexual. Deben ser acollidos con respecto, compaixón e delicadeza. Evitarase a inxusta discriminación con eles».

O papa Francisco xa fixera declaracións que os medios converteron en titulares de primeira páxina: «Si alguien es gay y busca al Señor con sinceridad, ¿quién soy yo para juzgarlo?», en 2013. «Jesús no respondería a nadie: -Vete porque eres homosexual», en 2016. Porén, nos dous casos afirmaba algo sabido: que gais e lesbianas poden ser parte da familia católica. A novidade estivo en non acollelos «con compaixón e delicadeza», senón con amor; como a homes e mulleres heterosexuais.

Se a homosexualidade non é pecado, a formación de unidades familiares por persoas do mesmo sexo tampouco debería selo. Digo debería porque hai unha condición sine qua non. Como a relación carnal entre persoas do mesmo sexo si é pecado, as familias de homosexuais terán que vivir en castidade. Dío o Catecismo: «As persoas homosexuais están chamadas á castidade». A voz chamadas é eufemismo de obrigadas, claro. E velaí a razón do alarmismo, que non está no que Francisco dixo, senón no que non dixo, pero os alarmados intúen que pode chegar a dicir. Efectivamente, a cuestión é saber se Francisco apoia aos gais e lesbianas católicos que desexan formar familias, porque cre que van vivir castamente; ou apóiaos a sabendas de que queren vivir o amor pleno, espiritual e físico, das parellas heterosexuais. Non o sabemos e tampouco se acepta que a unión civil de persoas homosexuais se chame matrimonio. En 2017 referíase a elas como «parellas de feito».

Malia ter denunciado «una corriente de corrupción» e recoñecido «un lobby gay» na curia romana; manifestarse contrario á «dictadura de la economía e del culto al dinero»; rexeitar «el comportamiento suicida que destruye el planeta»; e eliminar o secreto pontificio nos casos de abusos a menores por membros do clero; o papa Francisco non é un revolucionario. Non o é, pero a alarma que crea no catolicismo ultraconservador e no neoliberalismo económico é a mesma; de aí a coincidencia nas aldraxes e descualificacións que recibe de ambos e que van da acusación de marxista á de ser un papa ilexítimo que pavimenta os accesos para a chegada do antecristo, ou ser el o mesmo antecristo.

O que fai de Francisco un papa especial é o xeito de comunicar, que chega onde quere. Dicir a un activista homosexual: «Dios es quien te hizo gay y Dios te ama. Y el papa también te ama» non resolve o problema, pero reconforta.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?