Wednesday, July 22, 2020

Siro López doa ao Parlamento as súas caricaturas políticas



A colección está formada por 1.150 debuxos orixinais publicados entre os anos 1985 e 2006
O Parlamento de Galicia asumiu onte a titularidade da colección Historia da Autonomía galega en caricatura (1985-2006) integrada por 1.150 debuxos orixinais de Siro López Lorenzo e publicados no xornal La Voz de Galicia. A colección foi cedida gratuitamente por Siro López ao Parlamento de Galicia, que ve enriquecidos, desde xeito, os seus fondos artísticos e documentais.
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, asinou este mediodía con Siro López Lorenzo o contrato de cesión da colección. O Parlamento asume todos os dereitos de explotación das obras cedidas, incluídos os de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación.
Santalices Vieira agradeceu a xenerosidade de Siro López por ceder desinteresadamente esta colección ao Parlamento de Galicia. “Poucas institucións, por non dicir ningunha, poden resultar mais acaídas que o Parlamento para custodiar unha colección de caricatura política que percorre algo máis de vinte anos da historia política da Comunidade Autónoma, dúas décadas na que a autonomía medrou e se afianzou definitivamente entre as galegas e galegos”, afirma Santalices. “Agradecemento infinito, por tanto, a Siro Lopez pola súa xenerosidade co Parlamento de Galicia e co conxunto das galegas e galegos, na medida en que a súa colección se integra, desde hoxe, no patrimonio público da Comunidade Autónoma”, engade o titular da Cámara galega.
O Parlamento de Galicia conta cunha das máis completas e variadas coleccións de arte contemporánea da Comunidade, composta, fundamentalmente, por pintura e escultura; obras en propiedade, pero tamén doazóns e cesións temporais. Ademais, a Cámara custodia o legado bibliográfico e documental de Ricardo Carballo Calero, os irmáns Vilar Ponte, e de Elena Quiroga e Dalmiro de la Válgoma, entre outros.
A sinatura do contrato de doazón desta colección tivo lugar na denominada Sala das Letras Galegas do Parlamento de Galicia, un espazo no que se exhiben as efixies dos persoeiros homenaxeados o Día das Letras Galegas de cada ano, dende 1963.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?