Saturday, May 23, 2020
Día dos Museos por Siro Lopez
Poucas veces será certo o aforismo «non hai
mal que por ben non veña», que repetimos como unha letanía ante calquera
contrariedade; máis como consolo que por convicción. Tampouco sería certo se o dixeramos da
celebración, o pasado luns, do Día Internacional dos Museos, a porta pecha;
aínda que o bo facer dos responsábeis e a aplicación das novas tecnoloxías
permitíronnos vivir experiencias inimaxinábeis, como a de adentrármonos, sen
saír de casa, nos museos de Altamira, o Románico de Taüll, a casa natal de
Cervantes ou as grandes pinacotecas españolas. O servizo que ofreceu o Museo do
Prado desde días antes foi extraordinario, ao darnos a oportunidade de pedir a
visualización de obras concretas e recibirmos ao mesmo tempo información oral
sobre elas.
Cando era
xove e inxenuo pensaba que, por ser o sentido do humor unha peculiaridade dos
galegos e dar Galicia algúns dos grandes humoristas literarios e gráficos do
mundo, cumpría levar o humor á universidade, facer prazas públicas dedicadas ao
humor e, sobre todo, crear o gran Museo do Humor de Galicia. Tenteino con máis
pena que gloria.
O rector da
Universidade de A Coruña, José Luís Meilán Gil, creou a Aula do
Humor e xuntos presentámola en roda de prensa. Ata fixo un cartaz precioso para
publicitala, pero antes de inaugurala perdeu as eleccións e todo quedou en
nada,
A Praza do
Humor de A Coruña -non hai outra- inaugurámola o alcalde Francisco
Vázquez e eu unha noite de 1990, ante centos de persoas entusiasmadas;
pero os gamberros e a desidia das corporacións municipais fan que esmoreza,
ante o pasmo dos turistas. Chumy Chúmez bromeu e propúxome
desmontala e levala a Madrid, onde sería coidada e valorada. Forges apoiou
a idea.
En 1983,
cando asinamos o Manifesto en defensa do humor, Xaquín
Marín e eu pensabamos que un Museo do Humor de Galicia, que acollese a
obra humorística de escritores e artistas, era tan necesario coma un museo de
arte contemporánea. Naceu o Museo do Humor de Fene e, aínda que sempre estivo
ben xestionado, sentinme frustrado porque non era o museo que eu soñara. Hoxe
penso que chega ben para unha Galicia na que o humor, como creación cultural e
artística, xa non interesa. Non, non interesa, aínda que políticos e
intelectuais falen decote da retranca galega e citen o libro O segredo
do humor, de Celestino Fernández de la Vega. Citalo dá un toque
de erudición, pero lese tan mal que eu escoitei a dous coñecidos intelectuais
-un deles, amigo a quen estimo e valoro- dicir en conferencias que o libro de
Celestino é boísimo, pero iso de que o humorismo naceu con Cervantes e
o Quixote é unha frivolidade. Talmente como se dixesen
que Einstein foi un científico estupendo, aínda que a teoría
da relatividade sexa un cachondeo.
Remato coa
proba do algodón. O Museo do Prado mostrou de novembro a febreiro dúas
exposicións: unha de debuxos de Goya e outra de debuxos
de El Roto, que recreou medio cento de deseños de Goya. Ver para
crer: un viñetista, un humorista gráfico actual, a carón de Goya no mellor
museo do mundo. El Roto é boísimo, certo; pero tamén en Galicia hai excelentes
humoristas gráficos. Alguén imaxina a obra dun deles exposta en calquera dos
museos galegos? Eu non.