Tuesday, April 14, 2020
Crónica: Puntadas sen fío- Aplausos por Siro
Cando baixei do bus coas bolsas
do supermercado eran as oito da tarde e as ventás das casas, na praza dos
Castros, estaban cheas de xente que aplaudía e facía soar distintos instrumentos
en proba de gratitude ao persoal sanitario que nos defende do coronavirus. A vivencia era nova para min, que habito un
piso con vistas á ría, sen veciños arredor, así que pousei as bolsas nun banco
e aplaudín, tan conmovido, que rematei con dor de brazos. Camiño de casa
recordei os médicos de cabeceira que facían visitas a domicilio na miña
infancia, en Ferrol. Respectabámolos tanto, que en todos os fogares do barrio,
por humildes que fosen, había para eles unha toalla que ninguén usaba e unha
pastilla de xabrón sen estrear.
En xeral, eran persoas de trato afable, ás veces
extraordinariamente cordiais e familiares. Don Manuel Carballal entraba pola miña
casa como se fose a súa, achegábase á cociña, destapaba a pota que estaba no
lume e invitábase a un prato de caldo, que zampaba entre eloxios á miña nai por
boa cociñeira. Moitísimos
anos despois, en Nadal de 1969, cando mostrei por primeira vez os meus debuxos
de humor e caricaturas, presentouse na exposición, esixiume que lle fixese unha
caricatura para incluíla na mostra e ser orador no acto de clausura. Fixémolo
así e contou ao auditorio que eu fora un neno esmirrado, que saín adiante
grazas á súa ciencia e ao riquísimo caldo da miña nai.
E un día do ano 2009 soubemos que
os médicos estaban a ser agredidos. Un home de 74 anos, coñecido por ,
entrara, pistola en man, no Centro de Saúde de Moratalla e matou a tiros a unha
médica e feriu a un condutor de ambulancia, que quixo impedilo. Era asmático e explicou
á garda civil que non o trataran ben.
Os Colexios Médicos deixaron de calar
e fixeron pública unha realidade abraiante. O primeiro estudo da Organizaciòn
Médica Colexial é do ano 2010 e rexistrou 451casos de violencia en España; e
seguiron aumentando ata o 2017, en que se denunciaron 515. En 2018, o último
dos que hai datos totais, baixaron a 490; pero algúns parciais de 2019 indican
que a tendencia á baixa non se mantivo. Pregúntome se despois desta sincera homenaxe
popular, en forma de aplausos colectivos, volverán ser respectados os médicos
en España. Oxalá!, pero non o creo. A muller que chega bébeda ao ambulatorio e
dalle puñazos e tiróns de pelo a unha médica porque tardou en atendela; o que
ataca a varios facultativos porque non lle recetan o fármaco que quere; a que golpea
á médica de urxencias porque non pode darlle a baixa laboral; o vello que colle
polo peito ao enfermeiro dos netos, dalle un testarazo na cara e desafíao con
raxalo; son agresores que se senten agredidos polo sistema, xente irada e violenta
sempre. O 5 de marzo un home tivo que ser
reducido pola policía, nun hospital de Vitoria-Gasteiz, por ameazar con dous coitelos
ao médico que diagnosticou á muller infección de coronavirus.
Certo que hoxe admiramos
aos profesionais da medicina, agradecemos o seu labor e dóennos as súas baixas;
pero cando Baltasar Porcel preguntou a Josep Pla, a comezos dos anos 70, cal é a
paixón máis duradeira da humanidade, Pla,
que sabía o que esqueceu o demo, respondeu: -El olvido.