Saturday, March 21, 2020
Coronavirus, Angelita e Jacinto por SIRO LOPEZ IN VOZ DE GALICIA
Un dos contos máis conmovedores de Castelao fala de
dous vellos que tamén tiveron mocidade, que casaron por amor e viviron amándose
totalmente, sempre xuntos. Un día leváronlle o viático ao vello e o seguinte
morreu. A compañeira dos seus días vestiuno, afeitouno e púxolle as mans en
cruz.
Despois
entraron catro homes e sacaron a caixa onde ía o morto. A vella saíu á porta da
casa e coa voz amorosa dos días da mocidade, despediuse do seu compañeiro:
-¡Deica logo,
Eleuterio!
E os veciños
taparon as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou
ao Casino, e o «deica logo Eleuterio» converteuse en motivo de risa.
Todos, todos riron e ninguén se decatou da dor coa que a vella namorada chamará
pola morte aquela noite.
Hoxe, 19 de
marzo, morreu en Madrid, por infección de coronavirus, o meu amigo Jacinto. El
e Angelita, a muller, tamén se coñeceron moi novos, casaron namorados e viviron
un para outro. Xente boa, cordial, xenerosa, divertida, foron outros pais para
a miña filla, compañeira da súa na universidade.
Jacinto tiña
algún ano máis ca min, pero estaba ben de saúde; facía cada día longas
camiñatas sen perder o folgo e, hai dúas semanas, nunha revisión rutinaria,
confirmáronlle o bo estado do aparato respiratorio. Porén o coronavirus
venceuno en pouco tempo. O luns ingresárono no hospital e hoxe, cando o fillo
foi compartir con el os 30 minutos autorizados, dixéronlle que acababa de
morrer. A Jacinto non o axudou a morrer Angelita, a compañeira dos seus días.
Morreu so, como as máis das vítimas do coronavirus; na soidade arrepiante de
quen non ve un rostro querido, de quen non sente a calor da man amiga. Porén,
non é menos cruel a soidade da viúva. Non puido ver o cadáver, estar co
cadáver, pensar e sentir ante o cadáver; despedilo, quizais, cun «deica logo
Jacinto», que todos entenderían e non faría rir a ninguén. En Paseata
arredor da morte, no capítulo titulado «A realidade comunicativa do
cadáver», García-Sabell di que o morto é xa unha ausencia e, endebén, ante o
cadáver do ser querido temos a convicción de que unha parte nosa, que estaba
nel, vaise con el; pero tamén que unha parte súa queda en nós. Ese consolo non
o puido experimentar Angelita, que, ademais, debe sufrir a anguria da perda do
home, soa, confinada, sen o alento dos seus. Eis a verdadeira traxedia desta
pandemia: unha nova enfermidade, unha nova morte, unha nova dor para as que,
hoxe, non hai resposta.