Tuesday, March 12, 2019
Teta! (Crónica de Voz de galicia) por Siro Lopez
Despois das
primeiras eleccións democráticas publiquei unha viñeta na que un home de
mediana idade, pequeno, calvo e con tirantes aparecía compunxido nunha saliña
chea de mobles, lámpadas, reloxos, cadros, plantas, alfombras, cortinas e figuriñas
de Sargadelos. O pé dicía: «O home que votou polas esquerdas sen saber que era
de dereitas». Reflectía a situación das persoas que, por antifranquistas, se
tiveran por «progresistas» e logo, ante as vindicacións de feministas e
homosexuais, as manifestacións de traballadores en folga con actuación
intimidatoria dos «piquetes informativos» e a España das autonomías,
recoñecéranse «conservadores». O caso máis dramático desta clase de erro debe
de ser o de Pío Moa, quen, despois de militar nunha organización terrorista
contra o franquismo, descubriuse franquista; o máis cómico, o dese home que
militou no Bloque, foi xefe de prensa da CIG e agora, desde Vox, explica nun
vídeo que Núñez Feijoo é nacionalista, admira a Castelao, pai do separatismo
galego, e proscribe a Vicente Risco e Filgueira Valverde, figuras insignes da
cultura galega. É tan divertido que, véndoo, río a gargalladas e fago meus, con
mínima achega persoal, os versos de don Nuño a Bertoldino en La
venganza de don Mendo: «Ese canto, juglar, es un encanto. / Hame gustado
desde un principio, / y es prodigioso que entre tanto canto / sea todo
ficticio, desquicio y artificio».
Estou certo
de que fan máis votantes de Vox os pregoeiros das festas en Compostela coas
súas blasfemias -por certo, onde os atopan?- ca este fabulador que enrestra
trolas, despropósitos e parvadas coma se fosen barallocas.
Trocos
radicais de ideoloxía, sinceros, hóuboos sempre, e bos exemplos son os de dous
case paisanos meus: Óscar Pérez Solís e Santiago Montero Díaz. Digo «case»
porque Pérez Solís naceu en Asturias, pero en Ferrol pasou a infancia e a
adolescencia, e Montero Díaz era de Mugardos, na outra beira da ría. Os dous
foron comunistas. Pérez Solís, fundador e secretario do PCE, rematou na
Falanxe, a carón de José Antonio e Hedilla; e Montero Díaz, un dos intelectuais
máis sólidos da España do século XX, en opinión de Xesús Alonso Montero, deixou
o PCE polas JONS de Ramiro Ledesma. Capelán falanxista era o xesuíta Padre
Llanos, o de El Pozo del Tío Raimundo, que pasou de confesar a Franco e tomar
con el o té no Pardo a erguer o puño nos mitins da Pasionaria e Carrillo.
Cousa
distinta son os cambios de teta. O principio ético dos dispostos a vivir,
chucha que chucha, da política exprésase no lema «en caso de duda, la más
tetuda»; por iso, en 1982, cando o PSOE gañou as elección con maioría absoluta,
foron lexión os franquistas que deixaron a conversión de san Paulo nunha
parvada, ao se descubrir socialistas de toda a vida. O espectáculo dos que hoxe
deixan o PSOE e o PP para zugar nas tetas de C’s e Vox non é menos ridículo,
nin noxento.
Tamén a
fidelidade a unha ideoloxía pode mover a cambios profundos. Durante a II Guerra
Mundial un de Ferrol foi ao xulgado para trocar o nome.
-¿Cómo se
llama usted?, preguntoulle o xuíz.
-Adolfo
Mierda.
-Hombre, sí.
La ley autoriza el cambio de nombre si este puede ser causa de burla. ¿Cómo
quiere llamarse?
-Antonio
Mierda.
Era
aliadófilo e anoxaba a Hitler.