Wednesday, March 20, 2019
Gila - Cronica de Siro Lopes in Voz de Galicia
O pasado día 12 foi o centenario do
nacemento de Miguel Gila, e os medios de comunicación recordaron as viñetas
humorísticas que fixo para as revistas La
Codorniz e Hermano
Lobo e os monólogos que, teléfono en man, ofreceu nos escenarios de
España e Hispanoamérica primeiro, e nos platós de televisión despois. Coma o
dos grandes creadores, o humor de Gila non perde vixencia e cada nova xeración
goza da orixinalidade, a graza e o enxeño con que engaiolou á miña, nos anos
cincuenta e sesenta. Eu vino por primeira vez en 1958, na TVE inaugurada dous
anos antes, que emitía cun sinal que non sobrepasaba os límites de Madrid. En
1957 a Seat empezara a fabricar o 600 e Gila saíu na pantalla coa gorra calada
ata as orellas e rindo con risa enorme, para dar a imaxe de pailán. Logo colleu
o teléfono e chamou:
-Oiga, ¿es la fábrica de coches pequeñajos,
esa de Barcelona?
-Pues llamo porque estoy interesao en un
coche. Sí. ¿Cuánto cuesta?
-¿Tantoooo…? Y si pongo yo la chapa pa la
carrocería, ¿me harán un descuento…?
-Es que tengo en casa una lata de membrillo
y podrían aprovecharla.
-Otra cosa. El motor, ¿cuántos caballos
tiene?
-¿Un perrooo…? Entonces, ¿qué se le pone:
gasolina o huesos?
O monólogo, divertidísimo na súa
interpretación, seguía nesta liña varios minutos, pero foi visto e non visto,
porque nunca o repetiu e os fogares de Madrid con televisor eran escasísimos.
Gila foi un cómico extraordinario, pero
hoxe quero recordalo cunha vivencia allea ao humor, que lle oín contar a
mediados dos anos noventa. Circulaba por Madrid no seu coche e, ao se deter nun
semáforo, ollou, distraído, a un motorista moi novo que parara a carón del. Ao
sentirse observado, o rapaz berroulle: «¿Qué te pasa?». Gila ofreceulle un
sorriso de boa vontade como resposta e o mozo cuspiulle na cara e arrincou a
moto. Gila contábao e comentaba: «Hay mucha violencia. En la juventud hay mucha
violencia».
O mesmo diría hoxe ao saber que Andrés Manos Ligeras, o rapaz de
Pontevedra que en 2015 zorregou unha puñada ao presidente Rajoy, foille ao
lombo, hai poucos días, a un militante de Vox, que repartía propaganda do
partido, sen que a esquerda condenase a agresión. Gila pensaría -supoño- que
cambiou a nosa circunstancia e os españois xa non queremos matarnos uns a
outros, pero da lección da Guerra Civil aprendemos pouco. Hai un mes podería
coller o teléfono e facer outro monólogo:
-¿Es la guerra?
-¿El Parlamento? Bueno, vale igual.
Agora tampouco entendería a violencia
verbal dos candidatos a presidir o próximo goberno, convencidos de que á
Moncloa non se chega con programas, senón con aldraxes. Pasmaría co xuízo aos
independentistas cataláns, no que acusados e representantes do Goberno negan a
violencia propia e denuncian a dos outros, e vería unha metáfora do procés naquel abrigo de don
Antonio Machado que el chamaba La venganza catalana porque fora fabricado en
Cataluña, pesaba moito, abrigaba pouco e podía cepillalo o día enteiro, que
sempre lle quedaba máis po do que lle quitaba.
E non digo nada da violencia machista, da
pederastia e das outras violencias nas que non cabe o humor, porque Gila sabía
ben que sen humor non hai esperanza.