Monday, May 07, 2018
Xaquin Marin por Siro (in Voz de galicia)
A Editorial Galaxia publicou o libro Xaquín
Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego, que
recolle o esencial da tese de doutoramento que o investigador Félix Caballero
fixo sobre o gran debuxante ferrolán. É curioso que a facilidade para a
creación artística non se vexa como un don da divindade, senón como algo
diabólico. Xa Platón dicía que os poetas levan un
demo dentro. Confeso que tamén eu levo cincuenta anos coa sospeita de que
Xaquín Marín fixo, de rapaz, un pauto co demo; e explico por que.
-Cantos nos dedicamos á creación plástica aprendemos o oficio pouco a pouco
e descubrimos novas posibilidades día a día. Marín non; Marín naceu aprendido,
e des que publicou a primeira viñeta ata hoxe exerceu a profesión de ilustrador
como un verdadeiro mestre.
-Todos temos referentes e aprendemos de alguén, de varios ou de moitos. Xaquín
non; o seu estilo non ten precedentes no mundo do grafismo, nin terá tampouco
continuadores. É seu, só seu.
-Cando Marín empezou a publicar as primeiras viñetas non coñecía a
conferencia Arte
e galeguismo, que ditara
Castelao para explicar que ser artista universal non consiste en imitar o que
se fai en París ou Nova York, senón en facermos arte galega; porque só sendo
galegos, falando plasticamente en galego, seremos universais. O Marín mozo
concluíu iso pola súa conta e creou un estilo tan galego que ten o arrecendo e
o sabor das nosas viandas tradicionais. Unha viñeta sinxela de Xaquín Marín é
románica, como a bola; a viñeta traballada con milleiros de riscos é barroca,
como a empanada. Así sinto eu a obra de Marín, como algo deleitoso non só para
a vista, senón tamén para as papilas; e goréntome cos seus debuxos con
verdadeira gula.
-Con ese estilo persoal leva medio século debuxando viñetas,
carteis, ilustracións e banda deseñada para darnos unha visión plástica da
sociedade como ninguén vira xamais. Félix Caballero alude no título do libro ao
humor comprometido de Marín na defensa das causas xustas. É un acerto, porque
nunca fixo outra cousa a través de protagonistas que falan ou de humor sen
palabras. Eu teño especial querenza polas viñetas con moreas enormes de lixo
que devoran a paisaxe en debuxos espléndidos; auténticas obras de arte, as máis
das veces; pero outros preferirán as de Gaspariño, as dos pés ou as do Isolino.
O certo é que, despois de medio século de amizade, sigo preguntándome como
puido o mozo Xaquín Marín descubrir a pedra filosofal do grafismo, e chego á
conclusión de que, si, fixo un pauto co demo. ¡Iso se non é el mesmo un anxo
rebelde, porque, tan
alto, tan pálido, cos pelos e barbas espeluxados e o ollo pipo, non sei eu!