Wednesday, April 04, 2018

Puntadas sen fío - Os xornalistas de Moctezuma (en Voz de Galicia) por Siro


Na Semana Santa de 2019 cumpriranse 500 anos da chegada de Hernán Cortés a México. O Domingo de Ramos numerosos caciques de Tabasco recoñecéronse vasalos dos españois e agasalláronos con vinte escravas mozas. Tamén a catequización resultou doada e os carpinteiros da flota trocaron o templo indíxena por un altar coa cruz e a imaxe da Virxe, no que frei Bartolomé de Olmedo celebrou misa e bautizou as escravas. Unha moi noviña á que chamou Mariña tería grande importancia na conquista.
Os tabasqueños dixeron a Cortés que o ouro abondaba ao norte, en México, e catro días despois a flota fondeaba ante unha praia deserta. Axiña apareceron dúas canoas con indios que se dirixiron á nave capitá. Falaban azteca, idioma que só Mariña coñecía por ser o seu e traduciuno ao maia, aprendido nos anos de cativerio en Tabasco, para que o relixioso Gerónimo de Aguilar, oito anos prisioneiro dos maias de Yucatán, o vertese ao español. Así puido saber Cortés que os indios viñan enviados polo caudillo Moctezuma para saber quen eran e que querían. A resposta do futuro conquistador non puido ser máis diplomática: . O Venres Santo ordeou desembarcar os cabalos, instalar a artillería no areal, erguer un altar e arranxar un asentamento con madeira e folla de palma. Quedaba fundada Vila Rica de Veracruz e cando o Domingo de Resurrección recibiron ao gobernador Tentlitl e o cacique Cuitalalpitoc co seu séquito, Cortés fixo ante eles tres demostracións: a celebración da misa, o galope dos cabalos cos xenetes e  os disparos dos canóns. Foi, porén, unha xornada de convivencia cordial, con intercambio de agasallos e xantar compartido, na que varios indíxenas non deixaron de pintar en tiras de papel amate todo canto vían; mesmo a Cortés, os seus oficiais e algúns soldados a cabalo ou co casco na cabeza. Eran os pintores de Moctezuma que creaban en imaxes o que ninguén podería facer ver con palabras. Eran os seus xornalistas gráficos, tan precisos ao captar a realidade que cando Moctezuma e os seus principais viron nos deseños a imaxe de Cortés divertíronse moito porque era cuspidiño o cacique Quintalbor. Moctezuma mandouno coa comitiva que visitou o campamento español unha semana despois e a súa presenza foi celebrada con bromas e risas pola tripulación, que o capitán aceptou con bo humor. Maior foi o pasmo que causaron os riquísimos agasallos do caudillo azteca, entre eles un enorme disco de ouro, que era sol e calendario, e outro de prata, símbolo da lúa.
Ninguén volveu ver aqueles deseños, pero os códices ilustrados en época prehispánica, con personaxes propios de viñetas cómicas, fanme pensar que tamén en América, como en Exipto e noutras culturas antigas é doado atopar antecedentes desta forma moderna de xornalismo, que é a caricatura.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?