Sunday, March 11, 2018
A muller e o demo por Siro Lopez (in La Voz de Galicia)
Ante a manifestación feminista do pasado xoves, o bispo de Guipúzcoa,
monseñor Munilla, comentou que «el feminismo radical tiene como víctima a la
propia mujer y a la verdadera causa femenina. Es curioso cómo el demonio puede
meter un gol desde las propias filas». Non aclarou se o gol meteuno o demo
maior, o Satanás que tanto medo daba a Vicente Risco, ou un dos demos menores
que tanto divertían a Cunqueiro. Na biografía que Risco fixo do Príncipe das
Tebras di cousas arrepiantes que poñen os pelos de punta. Cunqueiro, pola
contra, conta dos demos cousas divertidas e queda claro que non os temía e tiña
trato con eles. Saber que palpebrexan de abaixo a arriba e falan castelán con
acento de Toledo só pode descubrirse se hai certa intimidade. Os demos que andan
facendo maldades polo mundo son, segundo Johannes Weyer, no século XVI,
44.435.556, pero o cardeal Ratzinger botou contas moito antes de ser papa e
saíronlle algúns máis. Cunqueiro tiña relacionados 6.000, cos seus nomes e
peculiaridades, pero todos eran dos que os nosos paisanos chaman con nomes
paveros como Perete ou Perecho, ou burlentos como Suxo ou Rabudo. Os que os
viron saben que «o demo sempre deixa o rabo de fóra», pero «non é tan feo como
o pintan»; e os que os trataron saben que «se Deus é bo, o demo non é malo».
Por iso o refrán aconsella: «Cando o demo veña á túa porta, non lla peches;
entórnalla».
Tan cordial é a nosa relación con eles, que cando o
historiador ferrolán Juan Burgoa estudaba o cruceiro do Toural en Vilaboa e
comentou a fealdade do demo representado na pedra, un paisano recriminouno:
«Teña un respecto, que o demo tamén é xente». Pero sospeito que o demo de quen
fala monseñor Munilla non será un miñaxoia coma os nosos, senón o mesmísimo
Lucifer, tentador de Eva no Paraíso. Ou polo menos un demo ruin como aquel do
que conta San Xerome que tomou forma de arcebispo para tentar violar a unha
dama da nobreza. A dama berrou e os criados entraron na alcoba, mallaron nel e
escorrentárono a labazadas. Outros demos violadores tiveron máis éxito. O
teólogo alemán Johannes Cochlaeus afirmaba que Lutero era fillo dun demo que
violara á nai mentres se bañaba; e no século XVII multiplicáronse os casos de
monxas posuídas por demos nos conventos. Monseñor Munilla debeu advertir ás
mulleres españolas, sobre todo ás feministas, que farán ben en andar atentas co
demo porque, segundo unha antiga tradición popular, o Anticristo será fillo de
Luzbel e dunha muller e nacerá en España, concretamente á beira do río Teixo.
Porén, a manifestación feminista estivo xustificada. É tal a discriminación por
razón de sexo en España, que o paso procesional de Orihuela coñecido como La
Diablesa, de finais do XVII, non pode entrar nas igrexas, con imaxes de
demos-macho moitas delas. Algunhas en Galicia, ben xeitosas por certo.