Monday, February 26, 2018
Humor e liberdade de expresión por Siro in Voz de Galicia
Cando o debuxante Pepe Carreiro publicou na Voz unha
viñeta cun cáliz, unha patena e un cigarro puro, o bispo de Santiago, monseñor Rouco
Varela, escribiu ao director dicindo que nunca se queixara das imaxes críticas
que no xornal se deran del e da xerarquía eclesiástica, pero naquela ocasión
debía facelo porque a viñeta se mofaba dun dogma e fería a sensibilidade dos
católicos. Era certo. Eu publicara varias caricaturas de Rouco Varela
ridiculizando o seu afán de protagonismo no Xacobeo 93, cando un día e outro
reclamaba «¡Espiritualidad!», ata que Fraga se fartou de oílo e recordoulle,
enerxicamente, o de «dar ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus».
Antes, en 1986, fixera eu unha edición non venal dun cartafol que titulei In
saecula saeculorum amen e
que teño pola sátira máis feroz realizada en España contra o Vaticano. Nunha
lámina de esa publicación, os corvos expulsan da basílica de San Pedro á pomba
do Espírito Santo; noutra, mentres o Nazareno imparte o sermón da montaña, o
papa e os bispos dormen e roncan; noutra máis o papa e varios cardeais fan a
foto de familia baixo un Cristo crucificado e protéxense con grandes paraugas
do sangue que cae sobre eles… É un humor cruel, impío, que desagradaría a
moitos católicos; pero absolutamente respectuoso co Nazareno e alleo ás
procacidades das publicacións anticlericais do XIX, Ademais -dato importante-
eu paguei cos meus cartos a edición.
No ano 2017, o bispo de Santiago, monseñor Julián Barrio,
protestou contra un cartel do Entroido coruñés no que un choqueiro disfrazado
de papa bebía do cáliz e íapiripi. Non tiña razón. O choqueiro non era o papa e
non había ofensa. Este ano, monseñor Julián Barrio séntese doído polo pregón do
Entroido en Compostela e sóbranlle motivos. Chamar «puta» á Virxe do Pilar e
suxerir que fixo unha felación ao apóstolo Santiago, ten que agraviar, ofender
ou anoxar aos crentes católicos. ¡Anóxame a min, que non son…!
Quen defende ao pregoeiro alude ás licencias do humor carnavalesco e á
liberdade de expresión. Non coñezo precedentes de pregóns que na vez de
aldraxar ás autoridades eclesiásticas vaian contra as súas crenzas; e menos dun
xeito tan procaz. Ese mérito cómprelle a este pregoeiro. En canto á liberdade
de expresión, non serei eu quen negue o dereito a facer humor obsceno contra a
fe católica, sempre que se faga sen engano. Créese unha asociación hostil ao
catolicismo, chámese, poño por caso, «¡Me cago nos pololos de San Cucufate!» e,
nun lugar privado fáganse os pregóns que lles pete para quen guste deles e os
pague. Nun lugar público, cos cartos dos composteláns católicos e non
católicos, non.
Monseñor Julián Barrio arranxou unha oración colectiva contra «as ofensas
blasfemas». Mágoa que non arranxase antes outra polas vítimas de bispos e curas
pederastas e dos misioneiros violadores de monxas. As blasfemias lévaas o
vento. O dano destes actos horrendos non curan nunca.