Friday, February 23, 2018

Forges, de necesario a imprescindible por SIRO (IN VOZ DE GALICIA)

«Poderíase entender a España actual sen Forges? Desde logo que si, pero faltaría Forges, que sería unha falta importante». Así empezaba Carlos Casares, en 1973, o artigo da sección Con esta lupa, que os dous faciamos no xornal La Región de Ourense. Hoxe, pasados 45 anos, son incontabeis as testemuñas que ratifican aquela opinión e, aínda máis, afirman que España non será a mesma sen Forges. Eu tamén o penso. Coido que Forges pasou de ser «necesario» en 1973 a ser «imprescindible» no 2018. E penso tamén que, sen el, todos nos sentiremos un pouco máis pobres.
¿Cal é a clave do seu éxito? Sen dúbida, o talento e a orixinalidade. Talento para tratar humoristicamente, pero con ecuanimidade e rigor propios de historiador ecuánime e rigoroso, o noso diario vivir. Forges foi un historiador-humorista único na súa especie. A orixinalidade -ese don tan escaso- permitiulle crear un idioma propio, que todos fixemos noso, e un debuxo persoalísimo, tanto como o tipo de letra dos textos e os globos que os envolven.
No ano 2002, cando o presentei na conferencia que veu dar a Compostela, dixen que, en contra do que el afirmaba, debuxaba moi ben os personaxes das súas viñetas. O humor gráfico é unha simbiose de deseño e texto, e cando esa simbiose falla, a viñeta non é boa, por bo que sexa o debuxo ou por enxeñoso que resulte o texto. En Forges esa simbiose é perfecta e por iso é un gran viñetista e un dos grandes humoristas gráficos do mundo.
Forges era fillo de galego e sentíase medio galego. Teño matinado se no seu humor, tan surrealista sempre, non haberá un chisco de humorismo galego e canto máis o penso, máis claro me parece. Nesa «sarcástica tenrura» da que falan varios comentaristas da súa obra, percibo eu un acento marcadamente galego. O acento daquel protagonista dunha viñeta súa na que un explorador chega a un poboado de negros africanos e ve sentado na cadeira do xefe outro explorador branco. O acabado de chegar pronuncia a coñecida frase: «El doctor Livingstone, supongo». E o outro responde: «¡¡¡Ei, Carballeira!!!».

Ante aquela viñeta que vimos nun retallo de xornal, cravado cunha chincheta no taboleiro dun bar ourensán, decidimos Carlos Casares e eu crear Con esta lupa, o primeiro espazo de política internacional en galego. Forges inspiróunolo e ilusionouno moito sabelo.

Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?