Monday, January 29, 2018
Puntadas sen fío - Xornalismo e masas por Siro
Dicía Mariluz
Ferreiro en La Voz de Galicia do pasado mércores que unha rotativa en
funcionamento é para moitos xornalistas como unha inxección de adrenalina no
corazón. Eu son deses. Tiña 42 anos cando deixei a profesión de técnico da
construción naval para dedicarme ao xornalismo e a primeira noite que pasei na
redacción para ilustrar os resultados dunhas eleccións, despois de cear un
bocata cos compañeiros, ao volver a casa cun exemplar da primeira edición, coa
tinta aínda fresca, pensei que o xornalismo é a profesión máis fermosa do
mundo. Aínda o penso e por iso dóeme e avergóñame ler, no mesmo xornal do
pasado mércores, que a rapaza de Boiro asaltada polo Chicle pediu protección á
xuíza ante o acoso das televisións.
A información da
actualidade é vertixinosa e absurda. Noticias de primeira páxina en todos os
medios, un día e outro, deixan de selo en canto se produce outra de impacto semellante.
O drama do submariño arxentino perdido e do concello de
Ponteareas, onde un Pleno Municipal acordou gratificar aos funcionarios que non
faltasen ao traballo, son exemplos que xa pertencen a un pasado remoto. A
actualidade imponse mesmo na prensa escrita, dirixida a un público que demanda
información rigorosa; pero en espazos de televisión nos que a audiencia é que Ortega soubo ver cando empezaba a rebelarse e impoñerse, as imaxes
da actualidade, mellores canto máis novidosas e impactantes, son panem et circenses e garantía de éxito.
Cómpre recordar a advertencia de Ortega de que
a división da sociedade en masas
e minorías excelentes non é unha división en clases sociais, senón en clases de
persoas e que en cada clase social hai masa e minoría. No desastre do Prestige,
a redacción de La voz de Galicia ofreceu unha información tan veraz e
didáctica, que obtivo importantes premios internacionais; porén, cando as
manifestacións arranxadas na Coruña pasaban ante a delegación da Voz, cen ou
douscentos manifestantes berraban un ¡Uuuuuuh! de desaprobación. Non lían a
información, pero eran masa,
Se a prensa escrita das masas na medida do
posible, nos programas de TV que se dirixen a elas procúrase compracelas, aguilloándolles
o morbo. A rapaza de Boiro, agredida
por un bárbaro, está a selo agora polas televisións. Ninguén que sinta o
xornalismo pode ficar indiferente e Asociacións da Prensa e Colexios de
Xornalistas deben denunciar e condenar o acoso. Esíxeno os códigos
deontolóxicos e os tratados de ética e xornalismo, que invocamos cando nos convén.
A Xustiza teno máis difícil. Hai moita literatura xurídica sobre o conflito
entre o dereito á información e o dereito á intimidade, de aí que as palabras
do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recordando que a rapaza é unha vítima
e a situación que está a vivir faina sentir peor, máis parezan de bispos que de
xuíces. Confiemos en que a xuíza a protexa e ordee o cese do acoso. E se non
cesa, aplíquese o artigo 172 do Código Penal, moi claro ao sinalar as sancións a
quen acose a unha persoa e altere gravemente a súa vida cotiá.