Monday, October 09, 2017

Puntadas sen fío por Siro Lopez


Había unha vez un circo
Durante os primeiros anos da Transición toda España admirou aos políticos cataláns. En Madrid, chegadas as eleccións municipais, sempre algún gracioso pedía que non se presentase ninguén e que lles mandasen o que quedase segundo en Barcelona. Deputados como Roca Junyent, Solé Turá, Ernest Lluch, Narcís Serra, entre outros, contribuían coas súas intervencións a prestixiar o Parlamento e a convencer ao electorado de que aquelo ía en serio.
O Honorable Pujol, moi honorable, moi honorable, non era e puido descubrirse en 1986, cando os fiscais Mena e Villarejo quixeron procesalo pola quebra de Banca Catalana; pero Felipe González non o permitiu e tívoo como aliado ata que Pujol, en 1996, veu vir o cambio e deixou de apoialo. O PP gañou as eleccións e os simpatizantes celebrárono berrando ante a sede do partido.
Pujol é pequeno, si; pero a súa sombra era longa e o presidente Aznar puxo fin á campaña anticatalanista do PP, quitou da dirección a Vidal-Quadras –o inimigo máis feroz do catalanismo- e declarou que tamén el, na intimidade, falaba catalán. Pujol apoiou ao PP e puido dicir: <Cataluña tiene la fuerza moral de haber contribuido de forma importante a la democracia, al progreso y a la paz de toda España; tiene la fuerza moral, también, de haber aplazado a veces aspectos importantes de su reivindicación en nombre de interés general>.
A política era o que sempre fora: un xogo de tahures. Xa non. Co actual Goberno da Generalitat impuxéronse ao interés xeral –ata aí nada que censurar-, pero na folla de ruta cara a independencia hai moita forza bruta, moita razón bruta e nin  chisco de forza moral. É un xogo tráxico de bos e malos, no que, ou estás con eles e es bo; ou non estás con eles e es facha. Sei de galegos –algúns moi coñecidos- que levan toda a vida en Cataluña e decidiron non falar catalán como resposta a ese acoso.  
No tampouco impera a razón, precisamente. Demasiados españoles pensan que o independentismo catalán pode e debe erradicarse coa violencia. Os policías nacionais e gardas civís que saían en buses cara a Cataluña eran despedidos e acirrados como heroes e os que se excederon e mallaron na xente indefensa sentiron que estaban a cumprir unha misión transcendental. Mandalos era innecesario e facelo foi un erro político porque o número de independentistas se multiplicou; pero despois de oir ao Rei quédame a dúbida de se foi un erro ou un ensaio para próximas accións de maior calado. En calquera caso aos creadores de opinión no nacionalismo español todo lles parece pouco e acusan a Rajoy de agachar as orellas e aos seus ministros de covardes por falar de solucións e diálogo.

Non ten volta, as dúas Españas seguen en pé e a Guerra Civil non rematou. E eu –parvo de min-, veña a querer facer en Ferrol o Museo da Reconciliación. 

Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?