Sunday, February 19, 2017

XXI Prémios Curuxa 2017


Boletín Oficial da Provincia publica as bases dos premios Curuxa do Humor 2017 convocados polo Concello de Fene para galardoar as mellores obras de humor gráfico do Estado. Cunha dotación total de 5.000 euros, os Curuxa do Humor contan de novo con dous apartados, os Curuxa para maiores de 25 anos e os Curuxa-Nova para autores e autoras menores desa idade. En calquera caso os traballos deben presentarse no rexistro municipal antes das 23.59h. do día 30 de maio. O fallo do xurado coñecerase dous meses despois e os premios entregaranse, previsiblemente, na clausura da programación do “Novembro, mes do humor”.
Os traballos que se queiran presentrar a concurso  deberán ser inéditos e encadrarse nalgunhas das tipoloxías do humor gráfico definidas nas bases publicadas no BOP, é dicir, debuxo mudo, texto ilustrado ou viñeta. O tema é completamente libre, pero todas as obras terán que remitirse en papel -incluso os deseños dixitais- e non serven gravados nin fotocopias. As dimensións serán, como máximo, de  29,7x42 cm., o tamaño dunha folla A3.
No certame poderá participar calquera persoa residente no Estado achegando unha obra como máximo. Admítense obras en calquera das linguas oficiais, aínda que nas bases tamén se puntualiza que os traballos en castelán, catalán e euskera deberán vir acompañados da correspondente tradución ao galego.
Os Curuxa do Humor 2017 repiten con dúas categorías, unha para maiores de 25 anos (Curuxa) e outra para menores desa idade (Curuxa-Nova). Iso si, as bases puntualizan que os novos talentos tamén poden participar nos Curuxa, renunciando desta maneira a facelo na categoría dirixida á mocidade.
Hai dous premios en cada apartado: 2.000 euros e diploma para quen gañe o Curuxa e 1.500 e diploma para o segundo premio, mentres que no Curuxa-Nova o gañador ou gañadora levará 1.000 euros con diploma e a segunda mellor obra recibirá, ademais do diploma, 500 euros.
O prazo de presentación das obras finalizará ás 23.59h. do día 30 de maio de 2017. Deberán entregarse no rexistro municipal nun sobre pechado e sen identificación algunha onde rece a frase “Para o concurso de humor gráfico Curuxa do Humor 2017” e a categoría á que se concorre “Curuxa” ou “Curuxa-Nova”. Para garantir o anonimato do proceso empregarase o sistema de plica, polo que as obras se acompañarán, á súa vez, dun sobre independente pechado, e en cuxo exterior conste a categoría na que concursa, o título da obra e o lema ou pseudónimo da persoa  autora
No interior da plica incluirase a ficha de inscrición cuberta -anexo 1 descargable da web municipal-, unha declaración responsable expresa de que a obra é da súa autoría, inédita e orixinal -anexo 2- e unha copia do DNI. Se se trata dunha persoa menor, tamén deberá incluirse a autorización asinada pola persoa adulta ao cargo dela (anexo 3 das bases).
O xurado dos Curuxa 2017 estará formado por representantes municipais e por tres persoas especialistas ou humoristas gráficas. O seu fallo darase a coñecer dous meses despois de finalizado o prazo de presentación dos traballos.
 Os premios Curuxa do Humor convocáronse por primeira vez en 1984 e celebráronse de forma ininterrompida até o ano 2007. En 2015 o Concello de Fene recuperou o certame co gallo do 30º aniversario do Museo do Humor e co obxectivo renovado de premiar o mellor humor gráfico do momento, ademais de dotar ao propio museo dunha maior proxección pública dentro e fóra de Galicia.
Na súa primeira etapa os premios entregábanse no marco das Xornadas do humor. Porén, nestes momentos fanse coincidir coa programación do “Novembro mes do humor”, trinta días nos que o museo se converte en escenario de monólogos e outras actividades.
Descargas

·               Bases premios Curuxa 2017

Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?