Monday, February 06, 2017
Xaquín Marín, baluarte do humor gráfico galego Por Francisco Puñal Suárez
O Farelo quere destacar o extraordinario
valor da obra do galego Xaquín Marín nos seus debuxos, carteis, caricaturas, e
libros editados, sobre todo pola súa humanidade, o seu compromiso político en
defensa da xustiza social, da cultura galega, do seu idioma, e pola súa
actitude coherente e permanente. Xaquín, con máis de catro décadas de traballo
fecundo, é un baluarte do humor galego, da súa retranca, coa súa constante
crítica a toda a falsedade de políticos corruptos, e aos valores hipócritas da
sociedade.
A súa mirada cáustica e enxeñosa sempre
queda expresada nos seus exquisitos debuxos, onde nos mostra a súa forza
creadora e sinálanos asuntos sociais de importancia. Nese sentido, Xaquín Marín
continúa a senda trazada por Castelao, Carlos Maside, e outros debuxantes
galegos.
Tamén hai que mencionar a súa importante
labor realizada á fronte do Museo do Humor de Fene onde Xaquín, co apoio do
Concello e do alcalde Xosé María Rivera Arnoso, do BNG, anos atrás, realizou un
meritorio traballo de divulgación e promoción do humor gráfico, deu a coñecer a
obra de caricaturistas galegos, organizou durante anos as Xornadas de Humor
onde se outorgaban os Premios Curuxas, e realizáronse numerosas actividades en
escolas e institutos.
Xaquín Marín, é hora xa de proclamalo
aos catro ventos, é un tesouro cultural, non só galego, senón universal. É un
artista de corpo enteiro, aplaudido e querido non soamente en Galicia, senón en
todos os lugares onde chegou a súa obra, polo seu inmenso talento, e por
reflectir a vida mesma e temas da condición humana nas súas obras.
Como escribise Ramón Loureiro, “a súa
obra fai mellores os nosos días, como a maxia dous seus debuxos e dous seus
lenzos permite navegar entre as malas horas nunha barca de soños”.