Sunday, February 07, 2016
Unha caricatura de Gogue, premiada nos EUA
Do
Grove para Galicia e para o mundo. As creacións deste artista son habituais en
prensa, publicacións e libros
Hai máis dun
cuarto de século que na prensa galega sorrimos co humor enxebre das bandas
deseñadas de Floreano, que agora se converte en embaixador duns viños moi
nosos. E hai tres décadas que o seu creador, Gogue, trae para Galicia premios
internacionais, o último, dende os Estados Unidos: medalla de prata para este
traballo:
"Esta banda deseñada amosa coma Obama lle dá
a man a un inmigrante enriba da maleta desta e ao fondo o Capitolio",
explica Gogue.
Mellor
caricatura editorial. Novo éxito nos Estados Unidos. A cabeceira en español do
'The Washington Post', 'El tiempo latino', concédelle a esta banda deseñada
a Medalla de Prata nos Premio José Martí, da Asociación Nacional da
Prensa Hispana.
Amais cando
xa en 2014 lle concederan tamén outra medalla de prata.
"Foi por unha caricatura que amosaba un tira
e afrouxa, cos símbolos dos demócratas e dos republicanos, o burro e o
elefante. Están tirando da bandeira dos Estados Unidos e co Capitolio",
describe Gogue.
Novos
recoñecementos, dunha longa serie de galardóns internacionais para o Xosé Anxo
Rodríguez López, debuxante, ilustrador, deseñador de bandas deseñadas,
humorista gráfico e caricaturista.
Do Grove para
Galicia e para o mundo. As creacións de Gogue son habituais en prensa,
publicacións e libros en todo o mundo.
Amais ten
distintos libros de seu. Nalgúns deles aparece Floreano. Este, o seu personaxe
máis senlleiro, dende 1989, leva o sorriso enxebre e actual aos lectores. Dende
hai 26 anos no papel, e dende hai catro tamén en escultura no berce do artista.
"Un embaixador dos viños galegos como é o
personaxe de Florenao, tiña que aparecer reflectido nun viño galego, neste caso
nun albariño... É no novo 'Floreano e Punto'. Saen dous modelos de botellas
xuntos, unha con Floreano e outra cunha moza que lle creamos. Así achegan a
imaxe de tradicion e de modernidade. É o que quixemos demostrar nas adegas O
Carballal de Ribadumia. O noso pai foi dos primeiros que loitou por un consello
regulador, para que nacese a Denominación de Orixe, Rías Baixas... E
seguimos sendo unha adega familiar. Agora o Floreano embotellado levará a sona
dos viños galegos por Europa, Asia, América...", explica Xoán Carlos
Vázquez, director de Adegas O Carballal.
A Floreano
agora xa só o espera a sétima arte.
"Gustaríame moito que o meu
personaxe de Floreano pasase á gran pantalla, á animación.. É un dos soños que
aínda teño", afirma Gogue.
Se cadra para
conmemorar 30 anos de profesión e recoñecementos. "Eu, a verdade, sigo sendo o mesmo de sempre. Sigo tomando os viños nos
mesmos lugares, o café onda sempre, falando e recibindo o cariño da xente na
rúa... Isto é o importante neste mundo, non?", conclúe Gogue.