Wednesday, December 02, 2015

Unha caricatura de Gogue premiada nos EUA

Do Grove para Galicia e para o mundo. As creacións deste artista son habituais en prensa, publicacións e libros

Hai máis dun cuarto de século que na prensa galega sorrimos co humor enxebre das bandas deseñadas de Floreano, que agora se converte en embaixador duns viños moi nosos. E hai tres décadas que o seu creador, Gogue, trae para Galicia premios internacionais, o último, dende os Estados Unidos: medalla de prata para este traballo:

"Esta banda deseñada amosa coma Obama lle dá a man a un inmigrante enriba da maleta desta e ao fondo o Capitolio", explica Gogue.

Mellor caricatura editorial. Novo éxito nos Estados Unidos. A cabeceira en español do 'The Washington Post', 'El tiempo latino', concédelle a esta banda deseñada a  Medalla de Prata nos Premio José Martí, da Asociación Nacional da Prensa Hispana.
 
Amais cando xa en 2014 lle concederan tamén outra medalla de prata.
"Foi por unha caricatura que amosaba un tira e afrouxa, cos símbolos dos demócratas e dos republicanos, o burro e o elefante. Están tirando da bandeira dos Estados Unidos e co Capitolio", describe Gogue.

Novos recoñecementos, dunha longa serie de galardóns internacionais para o Xosé Anxo Rodríguez López, debuxante, ilustrador, deseñador de bandas deseñadas, humorista gráfico e caricaturista.
Do Grove para Galicia e para o mundo. As creacións de Gogue son habituais en prensa, publicacións e libros en todo o mundo.

Amais ten distintos libros de seu.  Nalgúns deles aparece Floreano. Este, o seu personaxe máis senlleiro, dende 1989, leva o sorriso enxebre e actual aos lectores. Dende hai 26 anos no papel, e dende hai catro tamén en escultura no berce do artista.

"Un embaixador dos viños galegos como é o personaxe de Florenao, tiña que aparecer reflectido nun viño galego, neste caso nun albariño... É no novo 'Floreano e Punto'. Saen dous modelos de botellas xuntos, unha con Floreano e outra cunha moza que lle creamos. Así achegan a imaxe de tradicion e de modernidade. É o que quixemos demostrar nas adegas O Carballal de Ribadumia. O noso pai foi dos primeiros que loitou por un consello regulador, para que nacese a  Denominación de Orixe, Rías Baixas... E seguimos sendo unha adega familiar. Agora o Floreano embotellado levará a sona dos viños galegos por Europa, Asia, América...", explica Xoán Carlos Vázquez, director de Adegas O Carballal.

A Floreano agora xa só o espera a sétima arte.

"Gustaríame moito que o meu personaxe de Floreano pasase á gran pantalla, á animación.. É un dos soños que aínda teño", afirma Gogue.

Se cadra para conmemorar 30 anos de profesión e recoñecementos.
"Eu, a verdade, sigo sendo o mesmo de sempre. Sigo tomando os viños nos mesmos lugares, o café onda sempre, falando e recibindo o cariño da xente na rúa... Isto é o importante neste mundo, non?", conclúe Gogue.

Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?