Tuesday, December 20, 2011

Todogrove Edicións presenta Historias Floreánicas II, do debuxante Gogue

 Todogrove Edicións presenta hoxe venres Historicas Floreánicas II, volume que recolle unha selección de 300 tiras cómicas de Floreano, o personaxe máis popular do humorista gráfico grovense José Ángel Rodríguez López, Gogue, que cada día publica en Faro de Vigo.
Texto: I. Rodríguez | Fotos: Todogrove Edicións
A presentación levarase a cabo na sala TNT (rúa O Marino), e contará co profesor Miguel Besada, que fará de presentador e conducirá o acto; a intervención do editor, Miguel Muñiz; de Avelino Ochoa, amigo e lector empedernido de Gorgue; do propio autor; do deputado provincial Jorge Domínguez e do alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez. Ademais, o acto completarase coas actuacións do grupo folk Os Canheros e do Trío de Harmónicas Sons do Mar.
En Historias Floreánicas II, un volume de 104 páxinas que Todogrove editou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, recompílanse trescentas viñetas que foron publicadas no xornal Faro de Vigo –para o que Gogue realiza unha tira cómica desde hai vinte e dous anos– entre o 2008 e 2011, dando así continuidade ao primeiro volume de Historias Floreánicas, editado polo propio autor en 2008.
Ademais de ter traballado como humorista gráfico para diferentes xornais galegos, Gogue desenvolveu tamén unha extensa traxectoria como caricaturista, que o levou a expoñer os seus debuxos en boa parte da xeografía galega, así como noutros puntos de Europa ou mesmo nos Estados Unidos. Así mesmo, este debuxante grovense tamén realizou múltiples ilustracións para diferentes publicacións norteamericanas, coma o New York Moves Magazine, o Movie Maker Magazine ou The Eastside Sun Magazine.
A presentación
O mestre Miguel Besada será o encargado de conducir este acto de presentación no que o avogado grovense e lector empedernido das viñetas de Gogue Xosé Avelino Ochoa será o responsable de presentar ao autor de Historias Floreánicas II. A continuación intervirán o editor, Miguel Muñiz, e o propio Gogue; mentres que de pechar o acto responsabilizarase o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez.
Esta presentación contará ademais coas actuacións do grupo folk Os Canheros (Cambados), que se encargará de amenizar o acto antes do seu inicio e ao remate das intervencións; e do Trío de Harmónicas Sons do Mar, que interpretará un tema musical composto especialmente para a ocasión e outras dúas pezas máis tras a intervención do autor e antes dos discursos de peche.
A Agrupación de Libreiros do Grove instalará na sala TNT un posto de venda deste volume, que se poderá adquirir a un prezo de 18 euros en librarías de toda Galicia e en todo o mundo a través de Internet. Ao remate da presentación, Gogue asinará exemplares de Historias Floreánicas II a todas as persoas que así o desexen.

Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?