Monday, June 28, 2021

PUNTADAS SEN FÍO: Corre Carmela que chove «in memoriam» Por SIRO Lopez (in Voz de Galicia)


En febreiro de 1993 creei o programa radiofónico Corre Carmela que chove, que se mantivo na programación de Radio Voz durante 21 anos pola calidade de cinco imitadores de voces, a orixinalidade de dous cantautores, o candor dun vello cantor romántico, as ocorrencias dun codirector enxeñosísimo e un guión disparatado pero absolutamente veraz, que explicaba polo miúdo o que o xornalismo serio non ousaría comentar. Polo San Xoán empezamos as actuacións en directo en teatros e centros culturais, e a acollida foi aínda mellor. Unha noite, no teatro Jofre de Ferrol, completamente cheo, ollei o reloxo e vin que levabamos no escenario dúas horas e cincuenta e cinco minutos. Xa non tiñamos guión, pero o público entrara en trance e non podía deixar de rir, nin manter a posición vertical. Ver a centos de persoas rindo a cachón e caendo á dereita e á esquerda, non se esquece; e nós vímolas moitas veces.

As imitacións eran todas perfectas, pero a do presidente Fraga - polas peculiares personalidades do parodiado e do parodiador- resultaba especialmente cómica. Xacobo Pérez, o imitador, era asesor do presidente e acompañábao nas inauguracións de centros deportivos; por iso, cando Fraga recibiu unha carta de Ruiz Mateos agradecéndolle a defensa que del fixera nunha emisora de radio, ordenou: -Envíenlle esta carta a Xacobo.

En 1994 gañamos o Premio de Comunicación da Xunta de Galicia e entregáronnolo nunha cea de gala no Gran Hotel da Toxa. Ante o escenario estaba a mesa presidencial e no centro, xusto fronte a nós, o presidente. Cando Xacobo falou coa voz de Fraga, trescentas persoas ceibaron unha gargallada e ollaron ao presidente, que ría tamén; e cando a Xacobo se lle crebou a voz nun salouco, a gargallada colectiva foi un estrondo e trescentas persoas puxéronse en pé para ollar a Fraga, que, timidísimo como era, tapara a cara coa servilleta.

Pode que a imitación máis fiel fose a de monseñor Rouco. Entre os fans do imitador estaban Rafael Taboada e Manuel Espiña, abade e cóengo da Colexiata da Coruña; e Xerardo Estévez, alcalde de Compostela, que coñecían ben ao bispo. Ao marchar monseñor Rouco a Madrid, Manuel Espiña despediuno na Voz cun artigo agarimoso e aquela noite un monseñor Rouco agradecido chamouno por teléfono desde o meu despacho. A conversa durou varios minutos e ao saber Espiña que o interlocutor fora Moisés Morales e non o bispo Rouco, pospuxo a cea e veu a felicitalo e abrazalo.

A outra gran creación de Xacobo era o papa Xoán Paulo II. No peche do ano xacobeo 1999, Eva Millán, directora de Radio Voz en Compostela, emitía, con Xacobo como invitado, un programa en directo na praza da Quintana, mentres os últimos peregrinos facían cola para entrar pola Porta Santa. De súpeto escoitouse o ruído dun helicóptero sobre a catedral e Xacobo, coa voz de Paloma Gómez Borrero, anunciou que o papa Xoán Paulo II estaba chegando a Compostela e aterraría na Quintana. A cola de peregrinos detívose e cando se oiu a voz do papa saudándoos cunha longa plática, ninguén se moveu e a Porta Santa pechou. Un medio local criticou o día seguinte a insensibilidade dos cóengos que deixaran fóra a un cento de romeiros. Incrible, seino; pero certo.


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?