Saturday, March 29, 2025

Siro ilumina, desde o Ferrol das Luces, a historia de Galicia e da democracia - A sede de Afundación expón as caricaturas de «40 anos de autonomía» por RAMÓN LOUREIRO in Voz de Galicia

Asede ferrolá de Afundación, un monumental e luminoso edificio, deseñado a finais do XVIII e inaugurado a comezos de XIX, que ao longo da súa historia foi desde sede do Goberno Militar ata instituto de Ensino Secundario —un instituto no que exerceu a docencia Gonzalo Torrente Ballester—, acolle desde este venres a mostra 40 anos de autonomía nas caricaturas de Siro, que chega a Ferrol da man do Parlamento de Galicia, coa colaboración de La Voz de Galicia e de Afundación, Obra Social Abanca. Unha exposición integrada por 230 viñetas das publicadas por Siro López en La Voz entre os anos 1985 e 2006. Viñetas, todas elas, nas que o debuxante ferrolán dirixiu a súa particular mirada, sempre repleta de humor, aos que, en cada momento, protagonizaron os feitos xeralmente máis relevantes —e sempre máis transcendentes— da política galega.

A mostra, decididamente «reveladora» para cantos queiran coñecer en profundidade a historia recente de Galicia —como ben sinalou o director xerente da exposición, Pedro Otero Espinar— permanecerá aberta ao público ata o día 21 de maio, e poderá visitarse de luns a venres en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas, e os sábados de 11 a 14 horas e de 17 a 19 horas.

Unha merecida homenaxe

Foi Pedro Otero, tamén, quen, nun acto inaugural repleto de momentos de intensa emoción, subliñou o carácter de homenaxe a Siro que esta mostra ten na cidade que viu nacer ao debuxante. Mentres que o comisario da mostra, Aser Álvarez González, destacaba, pola súa banda, a extraordinaria valía das caricaturas de Siro, insistindo el mesmo, tamén, na importancia do reencontro do debuxante coa cidade na que veu ao mundo.

O delegado de La Voz de Galicia en Ferrol, Andrés Vellón, subliñou na súa intervención que Siro, ademais de artista, «é xornalista»; e iluminou as súas palabras cun recordo persoal: a lembranza de cando, sendo el mesmo estudante de xornalismo en Santiago, o primeiro que facían, el e moitos dos seus compañeiros, ao abriren as páxinas do periódico, era buscar o debuxo de Siro; un debuxo que sen necesidade de palabras algunha explicaba, á perfección, que momento estaban a vivir a autonomía galega... e os que estaban á fronte dela.

Hoxe, cando o xornalismo se enfronta a momentos moi complexos, hai que valorar máis que nunca, veu dicir Vellón, o talento de Siro para contar sempre moito... e para contalo ben.

«Hoxe aquí, con esta mostra, pechamos un ciclo...»

«Esta exposición é unha oportunidade única para celebrar o talento de Siro e para reflexionar sobre a nosa historia política recente», dixo o alcalde de Ferrol, Xosé Manuel Rey Varela, ante os centos de persoas que acudiron a inauguración da mostra. Persoas entre as que estaban representantes dos máis diversos ámbitos da vida cultural, política e académica de Galicia. «É unha homenaxe —engadiu o rexedor ferrolán— á intelixencia, ao humor e á arte dun mestre que soubo retratar a esencia de Galicia cunha mestría inigualable».

«Nesta mostra —apuntou Rey Varela— as caricaturas de Siro eríxense como un testemuño gráfico imprescindible, que exhibe a xenialidade do artista».

Moi emotivas foron, tamén, as palabras do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, que ademais quixo poñer el mesmo unha nota de humor —ou máis de unha— a través do seu discurso, invitando ao propio Siro a reflexionar sobre o que poida haber de certo, ou non, no tópico que afirma que os galegos non temos graza. O feito de que Siro decidise, coa maior das xenerosidades, doar ao Parlamento as súas caricaturas, dixo Santalices, é algo que Galicia debe saber valorar na súa xusta dimensión.

E especialmente conmovedora foi, durante o acto inaugural a mostra, a intervención do propio Siro. O debuxante lembrou con inmensa gratitude a Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente e editor de La Voz de Galicia, que foi quen o convidou a incorporarse á Redacción do periódico.

Nunca se arrepentiu Siro, como el mesmo lembrou, de deixar atrás o seu traballo na antiga Bazán para exercer (caricatura, radio, artigos...) o xornalismo. «Hoxe aquí, en Ferrol —dixo Siro—, con esta mostra, pechamos un ciclo...». E a xente, emocionada, non paraba de aplaudir.

 


Comments: Post a Comment



<< Home

This page is powered by Blogger. Isn't yours?