Saturday, January 28, 2023
Puntadas sen fío - A deshumanización da arte por Siro Lopez (in Voz de Galicia)
Con Ortega y
Gasset pásame como con Picasso: interésame a súa obra toda, pero cando a estudo
é tanta a que me irrita como a que me admira. O ensaio La deshumanización del arte, de 1925, provócame ronchas polo
insoportable elitismo do autor, empeñado en dividir as persoas en egrexias e
vulgares; e non porque unhas tivesen acceso á cultura que ás outras se lles
nega, senón porque as egrexias posúen cualidades das que as vulgares carecen. Próbao a súa reacción ante a arte das vangardas: fauvismo,
expresionismo, surrealismo, abstracción, dadaísmo… Como é unha arte <de
aristocracia instintiva>, o egrexio descobre o segredo e gózaa; o
vulgar non a entende e rexéitaa. Ortega exprésao dun
xeito soez: <Dondequiera que las jóvenes musas se
presentan, la masa las cocea>.
Haberíalle
que preguntar se na masa que coucea incluía o crítico de arte Louis Vauxcelles,
que deu nome ao fauvismo e ao cubismo, pero rexeitaba todos os <ismos>; e
a Matisse, que renegaba da arte abstracta; e a Grosz, responsable de propaganda
do movemento dadaísta, que escribiu na autobiografía: <Moitos críticos, por
seguir a moda, comentaban aquelas pezas moi en serio. Só o pobo chan, o que non
entende de arte, dicía que as obras dadaístas eran unha merda. E
tiñan razón>.
Hoxe si podemos
falar de progresiva deshumanización da arte, por dúas razóns. Primeira, porque
os saberes artísticos nada valen. Debuxar, gravar, pintar, modelar e tallar con
xeito son valores propios do artesán, non do artista, que debe limitarse a
<concebir> a obra, polo que todos os meus lectores son artistas en
potencia, aínda que non o saiban. A consecuencia inmediata é que o
coleccionista de arte non adquire a obra polos seus valores estéticos, senón
pola cotización do autor no mercado. Pódeslle levar un gravado anónimo que
asinaría o mesmísimo Rembrandt, que non o quere; en troques mercará obra dun
artista reputado, por mala que sexa. A
outra razón está no uso, cada vez maior, que o creativo fai das novas
tecnoloxías. Antes de coñecer o Photoshop, eu daba cor ás viñetas da Voz con
témpera ou acuarela; e se erraba, amolábame porque non había remedio. O Photoshop
permitiume errar mil veces e corrixir outas tantas en poucos segundos. E que
dicir da tablet, que me deixa ver a
tele e debuxar ao mesmo tempo? Hai outros programas cos que os novos fan virguerías, pero eu descoñézoos porque o
verdadeiro pracer de crear síntoo ao garabatear no bloc co lapis de grafito. Porén,
isto é nada ante o que a intelixencia artificial promete: todos poderemos ter na
casa un Goya, un Van Gogh ou un Luís Seoane feitos por nós mesmos no ordenador.
Onde pode levarnos a intelixencia artificial non o sei; pero á total
deshumanización da arte, seguro.