Tuesday, November 10, 2026
Crónica Puntadas sen fio: Rafael Azcona, o humorista total por Siro Lopez in Voz de Galicia
Cumpríronse cen anos do nacemento de Rafael Azcona nunha familia de clase media en Logroño, e os amigos celébrano nos medios para que os novos o coñezan e os vellos o evoquemos con nostalxia. Pode que a crítica literaria non o poña nunca entre os grandes narradores españois, pero é seguro que cada día se valorará máis o seu facer de guionista e humorista en películas de cine inesquecibles e eternas.
Fillo dun xastre, aprendeu no obradoiro familiar a tomar medidas, manexar agullas, alfinetes e tesoiras, e cando se puxo a escribir non deu puntada sen fío. Francisco Umbral díxoo moito mellor: «Azcona no escribe una palabra en vano. No ha renunciado jamás a la literatura, aunque haya renunciado al libro». Un ano antes Fernando Trueba declaraba: «Yo creo que Rafael hizo la mejor literatura producida en nuestro país en los últimos cuarenta años del siglo XX».
Porén, Azcona era un home modesto que, por timidez ou escepticismo, quixera ser invisible e procurou manterse lonxe das cámaras e dos focos. Nin sequera acudiu a recoller os seis Goya conseguidos como guionista doutras tantas películas, e só se deixou ver en 1998, cando recibiu o de honra pola súa traxectoria. Tampouco se sentiu cómodo nas entrevistas, pero na que lle fixo Matthias Schilhab, en 1993, ao trataren da censura no franquismo, Azcona respondeu: «Me envileció al aceptarla».
Coido que falaba moi en serio e que tamén se sentira envilecido, a pouco de chegar a Madrid, ao colaborar no diario sindicalista Pueblo, no falanxista Arriba e na revista de Acción Católica Cumbres. Fíxoo porque había que comer, pero o desacougo levouno a tentar redimirse parodiando ferozmente en La Codorniz os discursos do nacionalcatolicismo sobre a moral e a sociedade de clases. «Oh, ¡qué edificante resulta su aspecto, mísero señor! Porque ¡hay que ver hasta qué punto debe ser usted honrado para ser tan pobre!», di un cabaleiro a un pobre farrapeiro. Este e outros semellantes son textos que loarían os ideólogos de países comunistas, pero Azcona non era comunista nin roxo sequera, que segundo o seu amigo Juan Cruz non pasaba de «tornasolado».
A colaboración co director italiano Marco Ferreri, a finais dos cincuenta, empezou mal porque a censura prohibiu a realización dos primeiros proxectos, pero conseguiron facer El pisito; e a crítica, desnortada ante aquel humor que divertía e conmovía, relacionouno sen razón co neorrealismo italiano e tentou definilo como «humor grotesco», «humor negro», «crónica compasiva e cruel»… Non era nada diso. O humor de El pisito, coma o de El cochecito, Plácido, La vaquilla ou ¡Ay, Carmela!, que fixo para varios directores, era «humorismo» ao máis puro estilo cervantino, porque Azcona foi un Cervantes do século XX. O incrible é que ese guionista benévolo sexa o mesmo de La escopeta nacional, sátira esperpéntica que o irmanda con Quevedo e Valle-Inclán. E chameino no título «humorista total» porque vendo debuxar a Mingote fixo viñetas que publicou en La Codorniz e non estaban nada nada mal.
%20copy.jpg)


